O Concello de Boiro, a través do departamento de Servizos Sociais, vai rematar o ano impulsando unha nova iniciativa para traballar, con actividades creativas e participativas, na calidade de vida da cidadanía e a súa saúde anímica, emocional e mental. Trátase dunha Escola de emocións, que ten como finalidade aprender a coñecer e afrontar o medo.
Dende a Concellería de Educación trabállanse, a través do proxecto En(clave), as emocións nos centros de ensino e dende Servizos Sociais faise mediante o programa Coida a túa saúde. “A saúde no so é física ou psicolóxica, senón tamén emocional. Comezamos a traballar cos nenos e nenas neste eido, e agora levámolo tamén aos adultos”, afirmou o concelleiro Raúl Treus.
Esta Escola de emocións comezou en Rianxo cunha actividade sobre a rabia e agora, dada a boa sintonía entre Concellos con interese de traballar en actividades conxuntas en beneficio do benestar físico, mental e emocional da veciñanza.
As xornadas terán lugar os venres do mes de febreiro de 2023 en horario de 18 a 21 horas no Centro Social de Abanqueiro. As inscricións poderán facerse entre o 2 e o 20 de xaneiro a través do rexistro xeral do Concello de Boiro.



