O BNG denuncia o “espolio enerxético” nun acto celebrado no parque eólico do Monte Treiito

08 Decembro 2022

Nun acto reivindicativo celebrado no Parque eólico Monte Treito, situado entre os concellos de Lousame, Dodro, Rois e Rianxo no que participaron un cento de persoas, o BNG denunciou “o espolio enerxético de Galiza” e reivindicou “unha tarifa eléctrica galega” que abarate o prezo da luz e beneficie ás familias e empresas.

Tras despregar varias macrofaixas cos lemas “Galiza produce, Madrid consome. Tarifa Galega” e “Espolio Nunca Máis”, a deputada do BNG, Rosana Pérez afirmou que a “electricidade é un ben básico e que debe estar baixo control público galego” A parlamentaria advertiu que a proliferación de “muíños nos montes galegos” pode estenderse a nosas costas “se non o paramos”. Neste sentido, fixo un chamamento a participar na manifestación convocada polo BNG o vindeiro día 18 de decembro en Santiago de Compostela baixo o lema “Non é unha crise de prezos, é unha estafa. Hai alternativas!.
Na súa intervención, a nacionalista explicou que no último ano, a vida das galegas e galegos incrementou o seu custe “nun 11%” e a inflación continua desorbitada e con máis empobrecemento. No caso concreto da electricidade, dixo, “a suba esta desbocada” e afecta a un gran número de produtos e servizos que precisan desta enerxía. Dende o BNG vimos reclamando dende hai anos que “Galiza precisa unha
tarifa eléctrica galega” que abarate o recibo da luz das familias e das empresas para facelas máis competitivas. Galiza, por outra parte, “nunca xerou tanta enerxía eólica, os nosos montes están inzados de muíños como este do Monte Treito e de non remedialo, non só veremos muíños nos nosos montes senón que serán instalados tamén nas nosas costas”.
Recoñecemento da electricidade como ben básico e baixo control público galego Este espolio enerxético en Galiza, recalcou Rosana Pérez faise para beneficio doutros territorios e das grandes empresas eléctricas sen que os galegos e galegas teñamos un retorno que compense o impacto social e económico que se está a producir.
Dende o BNG, reiterou a nacionalista, consideramos que non estamos ante unha crise, estamos “ante un gran roubo do que se están a enriquecer a nosa conta” e de aí que defendamos unha tarifa eléctrica galega que abarate o recibo da nosa luz e que a “electricidade sexa recoñecida como un ben básico e baixo o control público galego”.
Nun momento de crise socioeconómica como o que estamos a vivir, cuns prezos da luz desorbitados, as grandes eléctricas seguen “forrándose” mentres moitas galegas e galegos teñen que facer malabarismos para pagar a factura da luz e mentres vemos como, sendo o noso país produtor excedentario de enerxía “non temos ningunha compensación”. Isto hoxe en día vese claramente co deseño colonial que supón o
“modelo eólico” que pretenden perpetrar no noso país e a Xunta e Goberno español van da man nesta cuestión. 
O acto reivindicativo celebrado hoxe no Parque eólico Monte Treito (Iberdrola) enmárcase na batería de actos que o BNG está a realizar chamando a participar masivamente na manifestación nacional convocada polo BNG para o vindeiro 18 de decembro baixo o lema “Non é unha crise de prezos, é unha estafa. Hai alternativas!”, reclamando unha saída xusta a esta situación e para evitar que, unha vez máis, sexa “quen menos ten quen pague as consecuencias desta crise”.

Outros artigos

Detido en Boiro un home por venda de cocaína

A Garda Civil do Posto Principal de Boiro detivo a un veciño da localidade como presunto autor dun delito contra a saúde pública tras ser sorprendido vendendo cocaína na vía pública. A investigación iniciouse grazas a comunicacións anónimas recibidas, que alertaban...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu vi a árvore chorar” – Manuel Domínguez

“Eu vi a árvore chorar” – Manuel Domínguez

Eu vi a árvore chorar. Em honra da verdade choramos juntos. E entre lágrimas e balbucios de palavras, mesmo entendendo porque ele estava chorando, perguntei a ele. Ele não estava chorando pela fruta perdida, podiam ser maçãs, laranjas, neste caso eram pinhas, pinhas...