“Fotoxornalismo versus «parabellum»”. Olegario Sampedro

26 Decembro 2022

Dende sempre manteño unha mística admiración polo fotoxornalismo, esa imprescindible póla da información que esculpe fielmente a realidade no entreacto da noticia e a estética.

Cada vez que observo nun xornal a foto dun neno nun ecosistema de guerra, a miña primeira e aséptica reacción é pasar rapidamente a páxina. Con todo, e dende hai tempo, impóñome como imperativo, cando menos estético, manter a vista cravada nos ollos desa criatura ata que me lacere a conciencia. Estamos tan asolagados e anestesiados polo aluvión de glucémicas e instagrámicas imaxes que probablemente naveguemos cara a un divorcio entre as instantáneas xornalísticas tomadas na mesma boca das traxedias e as humanas e humanitarias emocións que nos deberan producir.

Serguéi Kravtsov, ministro de Educación nese cortijo no que Vladímir Putin converteu Rusia, vén de anunciar a aprobación para o próximo curso escolar 2023/24 dunha disciplina digna dunha novela de Lovecraft: Preparación para a guerra. Os contidos curriculares producen arrepío: fomento do orgullo nacional, conceptos básicos de seguridade, nocións de combate… En definitiva, eufemismos de saber lanzar granadas, disparar un Kaláshnikov… e matar.

Como docente síntome orgulloso deses milleiros de colegas rusos que xa anunciaron, cunha coraxe incrible, que o patriotismo non significa insuflar belicosa e servil pedagoxía gobernamental. Ante estas esperadas insubmisións, o cuco Goberno anunciou outro logro: a contratación de moreas de militares convertidos, ipso facto, en docentes especializados na materia.

Mergulleime infrutuosamente na internet para tentar atopar o currículo escolar dos que elaboraron a proposta sospeitando que saben de memoria o Libro III do Epitoma rei militaris do escritor latino Vegecio; mesmo presinto que na sala de estar das súas casas locen fachendosos un cadro bordado en punto de cruz coa máis famosa máxima do libro: Si vis pacem, para bellum (Se desexas a paz, prepárate para a guerra).

Acotío repito que me gustaría saber rezar. Rezar para que nunca chegue a ver publicada nun xornal a mirada dun rapaz ruso mentres apaga para sempre o brillo da ollada dun neno ucraíno. E moito menos armado cunha Parabellum.

Outros artigos

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

+

“Loita nas rúas e nos despachos” – José Manuel Pena

Bandeiras anticonstitucionais e falanxistas, cánticos franquistas, insultos e odio cara a todos aqueles que non pensan como eles, é a imaxe desagradable e vergoñosa que demostraron un grupo de mozos, algúns menores de idade, na capital de España. Algúns nos...

+

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.