
Unha cita organizada pola Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira- OPP83 e na que
participaron máis duna vintena de profesionais da pesca do cerco.
A Asociación Mar Seguro foi a encargada de impartir este curso centrado na prevención de
riscos laborais
A Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira – OPP 83 organizou, durante a mañá de hoxe, unha xornada de formación en riscos laborais para os armadores, mariñeiros e todo o persoal relacionado coa pesca do cerco e que forma parte da OPP83.
Unhas xornadas impartidas pola docente Eva Calvo, de Mar Seguro, e que estiveron centradas na obrigación da formación en prevención de riscos laborais, un repaso polos conceptos preventivos, a aplicación, modalidades preventivas, obrigacións e centros de traballo, máquinas e sinalización dentro da prevención dos riscos laborais.
Dentro dos riscos laborais están as causas de accidente de traballo que en moitos casos débese a condicións inseguras: embarcación en mal estado, mala sinalización… ou actos inseguros, non uso de EPIs, desobedecer instrucións de seguridade… Dende Mar Seguro deixaron patente nesta xornada que actuando sobre estas causas os accidentes pódense evitar e así, deste xeito, evitar tamén, a consecuencias: perdas económicas e sociais; danos a saúde dos traballadores; danos a equipos e materiais; danos ao medio ambiente; mortes…
Unha xornada onde tamén deron a coñecer os tipos de baixa por accidente ou enfermidade profesional e tamén a incapacidade laboral que hai a día de hoxe: permanente ou gran invalidez.
En canto a Lei de Prevención – LPRL nesta Xornada quedou patente que o seu obxectivo prioritario é promover a seguridade e a saúde dos traballadores mediante a aplicación de medidas e o desenvolvemento das actividades necesarias para a prevención de riscos; ademais de plantearse fomentar unha auténtica cultura preventiva a todos os niveis.
Os principios da acción preventiva son: evitar os riscos; avaliar os riscos que non se podan evitar; combater os riscos na súa orixe; adaptar o traballo á persoa; ter en conta a evolución técnica; substituír o perigoso polo que entrañe pouco ou ningún perigo; planificar a prevención; adoptar medidas que antepoñan a protección colectiva á individual e dar as debidas instrucións aos traballadores.
Con todo tamén se deixou patente que os traballadores teñen a obriga de: usar adecuadamente as máquinas, aparatos, ferramentas, sustancias perigosas, equipos de transporte, etc. ; utilizar correctamente os medios e equipos de protección facilitados polo empresario; non poñer fora de funcionamento e utilizar correctamente os dispositivos de
seguridade das máquinas, aparatos, ferramentas, instalacións…; informar de inmediato ós seus
superiores e ós traballadores designados nas actividades preventivas, ou ó servizo de
prevención, acerca de calquera situación que, ó seu xuízo, entrañe un risco para a seguridade e a
saúde dos traballadores; contribuír ó cumprimento das obrigacións establecidas pola autoridade
competente co fin de protexer a seguridade e a saúde dos traballadores; cooperar co empresario para que este poda garantir unhas condicións de traballo seguras.
Unha xornada onde tamén se deixou claro que o empresario deberá en todo momento elaborar e conservar: un plan de prevención de riscos laborais; avaliación de riscos; planificación da actividade preventiva; controis da vixianza da saúde dos traballadores; relación de accidentes de traballo e enfermidades profesionais que causara ao traballador unha incapacidade laboral superior a 1 día do seu traballo; entrega de EPIs e formación e información Nesta cita, tamén se centraron, dende Mar Seguro, no Plan de Riscos Laborais, o Plan de emerxencia e avaliación a vixianza e saúde e o control do cumprimento de prevención. O Plan de prevención de riscos laborais deberá incluír a estrutura organizativa, as responsabilidades, as funcións, as prácticas, os procedementos, os procesos e os recursos precisos para levar a prevención de riscos na empresa.
Esta acción, incluída dentro do Plan de Produción e Comercialización (PPyC) anual deste 2022, ten como obxectivo dar a coñecer as ferramentas e procedementos que os profesionais da pesca do cerco da OPP 83 teñen que ter en materia de prevención de riscos laborais.




