
Moitos anos despois de constituídas as novas Cortes españolas, semella que, finalmente, estas abren portas a que o Goberno solucione algúns dos problemas que afectan directamente tanto aos homes como ás mulleres que traballan e viven do mar. Tres deses aspectos longamente reclamados están en vías de ser atendidos. Por exemplo, o Congreso modificará, a solicitude do deputado do BNG, Néstor Rego, a lei reguladora da protección social das persoas traballadoras do mar. Para elo o Ministerio elaborará un catálogo de enfermidades profesionais atendendo de xeito específico as condicións de penosidade e exposición a axentes físicos que sofren as persoas que se dedican ao marisqueo a pé e a flote, ao cultivo de mexillón en batea, a percebar nas rochas, así como aos mergulladores en apnea para a recolección de recursos específicos.
Este catálogo xustifícase no desenvolvemento de actividades en permanente contacto co mar, a temperaturas moi baixas con movementos repetitivos cangando con pesos, fai que os traballadores destes sectores padezan doenzas como a artrose, a artrite e reumatismo, dor de costas crónico cervical e crónico lumbar. Sen embargo estas enfermidades derivadas directamente da actividade que realizan non se recollen como enfermidades profesionais sendo necesaria a súa determinación e inclusión.
Tamén se propón unha nova disposición que garanta o dereito de voto dos tripulantes de buques de altura e gran altura. Para elo o Goberno remitirá ás Cortes no prazo de tres meses, unha proposta para o establecemento dun procedemento telemático e/ou electrónico que se adapte ás necesidades propias do persoal embarcado que non poda acceder ao sistema de voto por correo dadas as longas estadías no mar cadrando cosa convocatoria ou celebración da xornada electoral. Son máis de 10.000 os mariñeiros galegos embarcados que botan no mar entre 6 e 7 meses e que non teñen posibilidades de saber cando irán a terra.
Vai anos que os traballadores do mar reclaman unha reforma da lei electoral que facilite o exercicio do voto e agora, segundo se acordou, é o momento de acometer a mesma e rematar coa discriminación histórica deste colectivo facilitando un sistema que se adapte ás súas peculiaridades e aproveite as vantaxes das novas tecnoloxías da era dixital.
Por último, en relación cos convenios colectivos, as autoridades laborais deberán promover, mediar e favorecer a consecución de convenios colectivos que garantan condicións laborais dignas aos tripulantes na pesca de gran altura, altura e litoral, porque a pesca extractiva carece deses convenios, agás algúns segmentos específicos da frota ou determinadas artes pesqueiras. Resulta imprescindible procurar a súa consecución nos distintos ámbitos, tanto na pesca de altura e gran altura como na pesca litoral.
Non é esta a primeira vez que se suscita no Parlamento español unha saída a esta problemática do sector pesqueiro. Talvez é chegado o momento do seu tratamento e solución definitiva.



