
O Concello de Boiro recibe unha subvención para o fomento de emprego a través dos programas de cooperación no ámbito de colaboración das entidades locais para a contratación de axentes de emprego e desenvolvemento local. A contratación dun axente de emprego realizarase durante 12 meses e o axente de emprego estará integrado no departamento de emprego para levar a cabo de maneira coordinada os distintos programas en materia de fomento do emprego.
O obxectivo desta contratación é fomentar e apoiar aquelas iniciativas xeradoras de emprego, polo que a figura do axente de emprego e desenvolvemento local busca ser un referente para emprendedores, empresas e desempregados e ofrecerlle información sobre a constitución dunha empresa, os servizos dos que dispón e necesidades relativas á tramitación administrativa ou distintas liñas de axuda e subvencións.
O obxectivo de solicitar esta subvención para esta contratación é “favorecer e desenvolvemento empresarial en Boiro a través dun axente de emprego que ofreza un servizo o máis amplo e completo posible en materia de emprendemento e xeración de emprego”, afirma o alcalde. A contratación
realizase mediante unha subvención da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia por importe de 7.797,80 euros.
O Concello de Boiro continúa a súa aposta polo emprego e o emprendemento no municipio, aumentando os servizos e levando a cabo programas e plans que favorezan a empregabilidade. Neste momento estase a desenvolver o Obradoiro de Emprego en xestión forestal Torre Goiáns II – Boiro
mediante o que se están a formar 20 persoas; e tamén unha nova edición do Programa Integrado de Emprego para o ano 2022-2023 que ofrece formación para o emprego a 100 mulleres inscritas como demandantes de emprego.



