Ribeira converteuse nun berro contra a violencia machista na praza do Concello

25 Novembro 2022

Na praza consistorial de Ribeira representouse durante a mañá deste venres o acto institucional co que Concello e a cidadanía quixeron conmemorar o 25-N, Día Internacional da Violencia de Xénero: un emotivo evento organizado dende Servizos Sociais no que, ademais do tradicional minuto de silencio e da lectura dun manifesto por parte do alcalde Manuel Ruiz, albergou tamén unha actividade en colaboración coa comunidade educativa do municipio coa que se lembrou e honrou a cada unha das mulleres falecidas no que vai de ano.

Actuación da soprano noiesa Esperanza Mara

Neste senso, fixéronse para a ocasión uns cubos de cor morada cos nomes de cada unha das vítimas que se foron colocando polos alumnos nas escalinatas do consistorio local a medida que os seus compañeiros ían ofrecendo a través da megafonía algúns datos biográficos das mesmas.

Para pechar o acto contouse coa soprano noiesa Esperanza Mara, que fixo unha performance na que involucrou e fixo partícipes a todos os asistentes ao evento deste venres 25.

Manifesto institucional

“Con motivo deste novo 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres, o Concello de Ribeira, quere manifestar, un ano máis, o seu firme compromiso coa adopción de medidas, tanto preventivas, de sensibilización, como de intervención, para combater calquera tipo de violencia machista que poida repercutir sobre as mulleres”.

“Este compromiso adquírese porque queremos garantir dereitos humanos esenciais, que están recollidos nas normas internacionais e na nosa propia norma suprema como é a constitución. Algúns destes dereitos son o dereito á integridade física e psíquica, o dereito á liberdade e o dereito á seguridade”.

“Traballamos arreo e o seguiremos facendo para combater a violencia de xénero, aplicando os medios e recursos que teñamos como entidade local, dentro das nosas posibilidades e competencias”.

“Tanto o Concello como a comunidade educativa, que hoxe, volvedes a estar aquí, somos pezas clave para dar exemplo ao resto da cidadanía. Debemos ser referentes para o resto. A responsabilidade e a implicación é de todas e todos”.

“Nós, como Concello, como Administración, continuaremos apostando por unha educación en igualdade, libre de prexuízos, que fomente o respecto a tódalas persoas, sexan mulleres ou homes ou teñan a condición persoal, ou social que teñan”.

“Ademais da intervención coas vítimas, a través do CIM, ofertamos dende hai anos, actividades aos centros educativos de todo tipo para traballar estes valores e previr condutas violentas, dende obradoiros educativos, ata espectáculos, contacontos, materiais didácticos, e actividades reivindicativas coma a de hoxe”.

“Síntome moi orgulloso como alcalde de Ribeira ao dicir que a nosa comunidade educativa sempre está receptiva a participar e a buscar a mellora neste ámbito, e iso nos enriquece como pobo e como persoas tolerantes. Tanto vós, coma o Concello, somos un tándem fundamental na procura de acadar unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

“Por todo iso convidamos a toda a cidadanía de Ribeira”

• “A rexeitar calquera tipo de violencia contra as mulleres. Non só a física, senón tamén psicolóxica ou emocional, sexual, económica, acoso, vexación… tanto no eido persoal como laboral”.

• “A entender que a violencia de xénero atenta contra a integridade física e ou psíquica, contra a liberdade e contra a seguridade, que son dereitos humanos esenciais”.

• “A entender que o atentado contra os dereitos das mulleres non é ningunha ideoloxía nin combatelo pertence a ningún partido nin goberno senón que debe ser o discurso dunha sociedade xusta e democrática”.

• “A apoiar ás vítimas para que poñan fin á inxustiza do maltrato”.

• “Difundir unha imaxe non sexista da muller”.

• “Empregar unha linguaxe sen connotacións sexistas”.

• “Ter tolerancia cero co maltrato, porque non hai nada que o xustifique”.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...