Óscar Rial ratificado como candidato socialista á alcaldía de Rianxo

A militancia socialista ratificou a Rial como candidato no transcurso da asamblea tida lugar na tardiña de onte no Cuartel Vello.
Na tarde de onte o PSdeG-PSOE de Rianxo realizou unha asamblea na que se ratificou a Óscar Rial Lago como candidato á alcaldía de Rianxo nas próximas eleccións municipais de maio de 2023.

Nado na parroquia de Isorna en 1980, criado en Rianxo e casado en Taragoña é licenciado en INEF pola UDC e director da Piscina municipal. Se ben xa os medios se habían feito eco da noticia da súa proposta por parte da Executiva Local, que conta tamén cun forte respaldo da Provincial e Autonómica, Rial debía recibila ratificación oficial por parte da militancia, a cal lla outorgou por aclamación.
Posteriormente á proclamación, procedeuse a unha asamblea aberta a simpatizantes e veciños de Rianxo, chegando a congregarse varias decenas persoas no Salón de Actos, na que o novo candidato socialista explicou as bases do seu proxecto, tanto para a xestión municipal como para a organización do partido. En canto ás bases do proxecto, a partir da cales ao longo dos próximos meses se irá elaborando o programa de goberno, están a dunha maior planificación da xestión municipal, cunha énfase na prevención e resolución de problemas e unha maior rigurosidade orzamentaria, así como nunha maior implicación dos membros do goberno local nos problemas cotiáns de tódalas parroquias e núcleos de poboación e na atención ás diversas entidades económicas, culturais e deportivas.
En canto ao partido, Rial propón reorganizalo de tal forma de cobre unha maior visibilidade na vida pública local e sirva dunha correa de transmisión efectiva das demandas da rúa ao grupo socialista no concello. Desta forma propón unha organización da executiva máis áxil, buscando melloralas vías de comunicación cos veciños e diversas entidades de Rianxo, dotando dunha maior funcionalidade á nova sede situada na Rúa de Abaixo, así como a realización de diversos actos de partido que o cohesionen e o abran á veciñanza de Rianxo.
O candidato socialista e os membros da executiva mostráronse moi ilusionados ante esta nova etapa, na que agardan recuperala alcaldía de Rianxo e o músculo social na vila.