O Museo do Gravado de Artes (Ribeira) vai inaugurar dúas exposicións o vindeiro 25 de novembro, a partir das 20.00 horas: por unha banda a mostra Eduardo Pondal. Rumores de los pinos. Gravado á fotoaugaforte e pola outra o Proxecto Incendios 2017 – 2022 de Miguel Mosquera.
Exposición Eduardo Pondal. Rumores de los pinos. Gravado á fotoaugaforte
Esta exposición recolle os traballos realizados polos 38 artistas asistentes aos obradoiros de fotoaugaforte realizados no Museo do Gravado en decembro de 2021, abril e xullo de 2022, onde se crearon 38 obras que ilustran o libro Eduardo Pondal. Rumores de los pinos, que recolle o volume facsimilar da 1ª edición bilingüe de Rumores de los pinos. Poesías (1877), de Eduardo Pondal e así concluír a homenaxe da FMAG ás tres grandes figuras do Rexurdimento Galego. Os obradoiros foron dirixidos polo catedrático de gravado da Universidade de Salamanca, José Fuentes, e o director do Instituto Universitario de Investigación en Arte e Tecnoloxía da Animación da Universidade de Salamanca, Antonio Navarro.
Incendios 2017 – 2020
Con este proxecto, o artista Miguel Mosquera iniciou unha liña de traballo que reflexiona e denuncia a destrución sistemática dos nosos bosques. A proposta iniciouse coa “pavorosa vaga de lumes de 2017” e proseguiu os anos seguintes, poñendo o foco nas zonas montañosas da nosa xeografía e denunciando o feito de que o 85% dos incendios en Galicia son provocados polo ser humano. Para o seu traballo Mosquera céntrase en lugares especialmente afectados como Paderne de Allariz, Baños de Molgas e Lobios, e reflexiona sobre as consecuencias da devastación creada polo lume, tal e como se reflicte en obras como Este era un xardín.
IX Obradoiro de Gravado
Informar tamén que os días 25, 26 e 27 de novembro terá lugar no Museo de Artes o IX Obradoiro de Gravado. A disciplina que se vai impartir neste curso é a do linogravado e estará dedicado ás técnicas utilizadas por Pablo Picasso na creación das súas obras realizadas con este método. A Fundación Museo de Artes do Gravado á Estampa Dixital e o Museo do Gravado súmanse así á homenaxe da celebración en 2023 que a Xunta de Galicia vai realizar para para celebrar o 50 aniversario da morte do artista. O obradoiro estará dirixido polos profesores José Fuentes e Antonio Navarro, da Universidade de Salamanca.