O Servizo de Orientación Laboral da Asociación Amicos segue conseguindo importantes fitos na prestación de apoio e asesoramento ás persoas en risco de exclusión social e laboral. A entidade da nosa comarca achega recursos e formación a máis de 380 persoas con discapacidade. Neste anualidade o servizo de orientación laboral desenvolveu nunha media de 1.600 intervencións.
Segundo lembra Amicos no seu balance do Servizo, o obxectivo principal deste departamento é a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas en situación de desemprego combinada coa prospección e mediación coas empresas.
Diana Cidrás, orientadora Laboral da Asociación Amicos, indica que “é moi importante desenvolver itinerarios persoalizados de inserción a longo prazo para obter este tipo de resultados”. Por outra banda, Pablo Penide, orientador da Asociación, recalca “que a colaboración e a sensibilización activa das empresas para a inserción sociolaboral resulta moi importante para nós e o noso programa”.
Segundo indican, neste período 2021 – 2022 que abrangue a subvención que está a piques de rematar o equipo dos cinco orientadores da entidade atendeu un total de 386 persoas, das cales 134 teñen discapacidade intelectual.
Amais, acadáronse 122 insercións en empresas, sempre coa mediación e colaboración destas firmas.
Jose Cebreiro, representante da ETT Nortempo en Barbanza, móstrase “moi satisfactorio a colaboración con entidades como a vosa e esperamos poder seguir traballando no próximo ano”.
Xoan España, director xeral de Amicos, agradece “o apoio da administración, que fai posíbel a estabilidade e o crecemento do noso servizo de Orientación Laboral”.