M. A.- Cita de máxima dificultade para o Rotogal Boiro Voleibol. Os da Cachada visitan este sábado 19 de novembro (ás 19.30 horas –unha hora menos en Canarias– no Centro Insular de Deportes das Palmas) ao Guaguas, líder destacado da Superliga. Os canarios sumaron os 21 puntos posíbeis e só cederon dous sets no que vai de campionato, datos que os confirmaron como un dos grandes aspirantes a facerse co título.
En principio, o Rotogal Boiro Voleibol contará coas baixas do receptor Gaby del Carmen, que se recupera dunha lesión no nocello, e do central Mario Iglesias. Trátase de dúas ausencias importantes
para o conxunto da Cachada. Os de Emilio Palacio presentan unha bagaxe oposta ao do Guaguas no que vai de campionato, con sete derrotas e dous sets a favor.

O Guaguas iniciou con forza a presente campaña. O obxectivo é recuperar o reinado que cedeu a pasada campaña, cando foi destronado polo Unicaja Almería a pesar de que se reforzou co único reto de consolidar a súa hexemonía. Na presente campaña, os canarios deron mantido en persoal a xogadores de traxectoria contrastada como o oposto Yadrián Escobar ou o central Matthew Knigge. Ademais, outros como o líbero Alejandro Fernández, o receptor Paolo Zonca, o central Emiliano Ramos ou o colocador Miguel Ángel do Amo están a callar un notable arranque de curso.
Precedentes
Tempada 2021-2022
Guaguas, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 0
Rotogal Boiro Voleibol, 1-Guaguas, 3
Tempada 2020-2021
Rotogal Boiro Voleibol, 0-Guaguas, 3
Guaguas, 3-Rotogal Boiro Voleibol, 0