O BNG de Ribeira emitiu este martes 29 un comunicado no que critica ao alcalde Manuel Ruiz “por ter levado a pleno novamente os Orzamentos sen dialogar cos grupos e pechando as posibilidades de chegar a acordos”. E engaden: “A negativa do Goberno local a chegar a algún tipo de acordos, aboca a Ribeira a non ter unhas contas actualizadas coas que responder ás demandas sociais e afrontar a crise económica”.
Desde o BNG informan que “foron os primeiros en chamar ao rexedor tralo rexeitamento dos Orzamentos para poder desbloquear asuntos importantes para Ribeira” pero aseguran “que o Goberno local só lles brindou a posibilidade de negociar unha ínfima parte dos Orzamentos de 2022 que non chegaba nin a 1,5 millóns dunhas contas que din ascender a 32,9 millóns de euros”. Segundo din, o Executivo “ofreceunos negociar as migallas e iso o BNG non o podía aceptar porque supoñía darlles un cheque en branco para seguir aplicando as mesmas políticas fracasadas que non resolven as demandas sociais”.
Segundo os nacionalistas, “Ruiz trata de botarlle a culpa de todos os males aos grupos pero os datos demostran que o Goberno é incapaz de xestionar os recursos con eficiencia e eficacia”, e engaden que “dos Orzamentos 2020 deixaron sen investir o 46% dos cartos consignados e nos do 2021 non investiron o 54% do total”.
Dende o grupo explican tamén que “non podían facilitar as mesmas contas de hai tan só una semana porque eran as contas da mentira e do incumprimento, que mantiñan paralizadas obras que levan anos prometéndose como os centros sociais de Carreira e Corrubedo, seguirían dilapidando cartos en actuacións que disparan o seu prezo como o auditorio mentres falta mantemento e prevén aumentar os impostos á veciñanza recadando 4,7 millóns de euros por auga, lixo, saneamento e sumidoiros cando ás grandes eléctricas e telefónicas tan só lles cobrarían 280.000 euros por todo o espazo público que utilizan”.
“Fomos os primeiros en tender a man para aprobar temas concretos beneficiosos para a veciñanza porque sabemos que existen mecanismos suficientes para sacalos adiante pero pretenden dicir que a única alternativa pasa por aprobar uns Orzamentos nefastos para Ribeira. A pesar da manipulación e dos ataques do PP, seguimos mostrando a nosa disposición a chegar a acordos” argumentou Barral, que puxo como exemplo o voto favorábel do Bloque a un suplemento de crédito por valor de 970.000 euros para mellorar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ampliar a partida de comedores escolares ou mellorar as condicións laborais do persoal público.