Licitadas as obras da nova vía de conexión coa aldea de Fafián, un investimento de 860.000 € que supón o 1º paso da variante de Ribeira

Ethel Vázquez, presentará o proxecto da nova vía entre a estrada provincial DP-7305 e a aldea de Fafián.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a licitación das obras da nova vía de conexión coa aldea de Fafián, que suporán un investimento da Xunta de máis de 860.000 euros, e constitúen o primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira.

Vázquez Mourelle presentou hoxe esta actuación, de interese para o Concello de Ribeira e clave desde o punto de vista da funcionalidade da rede de estradas neste municipio. As empresas interesadas na execución destes traballos teñen de prazo ata o vindeiro 19 de decembro para presentar as súas ofertas.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade destacou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación desta intervención, por case 574.000 euros, que comezará a principios da vindeira primavera, cun prazo de execución de 12 meses.

Indicou que para poder levar a cabo esta actuación serán necesarias as expropiacións de 10 fincas, cun custo estimado de 220.000 €, polo que en poucas semanas se convocarán os actos expropiatorios para ir avanzando coa tramitación previa necesaria.

Neste sentido, subliñou que na primavera de 2024 os veciños xa disporán dun pequeno treito de 220 metros que forma parte da Variante de Ribeira, esa infraestrutura clave que dotará o núcleo urbano dunha vía que de oeste a sur conecte a autovía do Barbanza e a AC-550 coa estrada da costa.

Ethel Vázquez, presentará o proxecto da nova vía entre a estrada provincial DP-7305 e a aldea de Fafián.

Características

No que se refire ás características técnicas da nova vía, Ethel Vázquez detallou que se trata dunha conexión entre a estrada provincial DP-7305, que conecta Ribeira con Aguiño a través de Carreira, e a aldea de Fafián.

Explicou que a vía terá 220 metros de lonxitude, comezando na conexión coa estrada da deputación mediante a execución dunha glorieta de 34 metros de diámetro e finalizando en Fafián, cunha intersección en “T”.

Esta vía de novo trazado terá 2 carrís de 3,5 metros de ancho e beirarrúas de 2,10 metros. As beirarrúas na marxe da estrada garantirán un itinerario peonil continuo e seguro para o tránsito dos veciños.

Como intervencións complementarias, procederase á reposición do firme dos viarios urbanos afectados; e á reposición dos camiños de servizo, executando dous pequenos treitos para garantir o acceso ás leiras.

Segundo concretou a conselleira, ese pequeno tramo de 220 metros de nova vía permitirá captar un tráfico estimado de case 4.300 vehículos, o 3,4% de vehículos pesados.

Variante de Ribeira

A conselleira remarcou que esta nova vía se corresponde coa parte inicial do 3º treito da Variante de Ribeira, cuxo proxecto de trazado completo se aprobou en agosto. Puxo en valor este primeiro paso para facer realidade a Variante de Ribeira, que suporá un investimento autonómico conxunto de 10,3 M€.

Lembrou que os Orzamentos da Xunta de 2023 reservan 1,5 M€ para avanzar nas expropiacións e no proxecto construtivo e licitación das obras da 1ª fase, entre a AC-550 e a avenida da Constitución, e con partidas plurianuais ata 2025 que acadan os 6,5M€, destinadas a esta primeira actuación que hoxe se licita é á 1ª fase da Variante de Ribeira.