Este venres 18 de novembro vaise celebrar en Boiro a gala de entrega dos Premios ABE 2022. Será a partir das 20.30 horas na Pousada da Galiza Imaxinaria. A presentación do acto recaerá na actriz, monologuista e presentadora Patricia Vázquez, e a velada estará animada polo grupo musical Stormy Trucks.
O aforo xa está completo (150 persoas) e contarase con photocall, música, pinchos e sobre todo a presenza do tecido empresarial boirense no que será a festa dos empresarios locais.
Na categoría de mellor comercio o gañador desta edición foi Carnicería Moncho Boga, o establecemento que se localiza na praza de abastos de Boiro conta con 36 anos de traxectoria e segue fiel á filosofía do seu fundador, Ramón Laíño, e da súa esposa, Lourdes Blanco, acaban de aumentar espazo de venda e exposición para seguir ofrecendo o mellor servizo e calidade aos seus clientes.
Na categoría de mellor empresa o gañador foi A Terraza do Furancho, un local de restauración localizado no corazón de Boiro que ofrece un concepto gastronómico diferente, unha experiencia para os sentidos da man de dous emprendedores con ampla experiencia no sector.
Premio de honra
Nesta edición o galardón de honra recae en José España Silva, empresario do sector da construción que desenvolve a súa actividade na empresa Construcións España e Fernández.
