Este sábado celébrase en Ribeira a I Xornada de Degustación do Lirio

09 Novembro 2022

A Cooperativa Santa Eugenia de Ribeira (OPP 83) organiza este sábado 12 de novembro a primeira edición da Xornada de Degustación do Lirio. Será en colaboración coa Asociación de Empresarios e a Asociación de Hostaleiros de Ribeira. No transcurso da celebración distribuirase de xeito gratuíto lirio fresco fileteado a cafeterías, bares e restaurantes do concello, establecementos que escollerán libremente como preparar este peixe. Un dos requisitos fundamentais para formar parte desta xornada, tendo en conta a cultura da tapa de Ribeira, é que a tapa será sempre de balde, só pagarán os clientes aos restaurantes que decidan facer un prato co lirio para ese día e o engaden á súa carta habitual.

O horario para esta degustación das tapas do lirio será ao longo de toda a xornada do 12 de novembro, así, e deste xeito, as veciñas e veciños de Ribeira e, as persoas que visiten o concello durante esta xornada poderán degustar a tapa do lirio tanto ao mediodía como á noite.

Finalmente participan na xornada de exaltación 17 establecementos. Estará presente A Recoveira coa súa tapa Non me chames Dolores chámame Lirio, que consistirá en lirio recheo de xamón con queixo afumado e tomatiño confitado, tamén estará A Caseira con Lirio en escabeche de cabaza, A Fiestra Café-Bar con Lirio ao forno con patacas panadeiras en salsa de limón, Brétema con Lirio rebozado e croquetas de lirio, El Golimbreo con Tempura de Lirio, O Esmorga con Roliños de arroz con lirio e verduriñas, O Retablo coa súa Tosta de Lirio en tempura con crema de cabaza, queixo de cabra, crocante de xamón e redución de Tarsus, Abuela Gloria co seu The Lirio extreme, Café Plaza co seu Lirio adobado empanado, Tapería A De Maris coa súa Fritura de lirio aliñada, Cocoluche coa súa Empanada de lirio, Zum Zum co seu Montadiño de lirio con salsa alioli, El Gourmet Alján coa súa Tosta de lirio con crema de tetilla e mango, Casa Patrón co seu Lirio en gabardina con salsa de langostinos, Café Botavara coa súa Tosta de lirio con cebola caramelizada e puré de pementos, Tío Pepe co seu TíoPepeBurguerfish e o Bar Morrison co seu Lirio rebozado.

Esta acción, incluída dentro do Plan de Produción e Comercialización (PPyC) anual deste 2022, ten como obxectivo iniciar unha estreita colaboración entre a OPP 83 e a hostalería de Ribeira, co fin de promover xornadas en épocas de menor afluencia para a hostalería e poñer en valor o peixe fresco de Ribeira. Esta será a primeira xornada pero o obxectivo é propoñer accións semellantes ao longo do ano.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

“Estratexias kafkianas” – José Manuel Pena

Despois de tantos anos de período democrático e de liberdades en España, queda de manifesto que o espírito da transición durou o xusto e necesario para que se producise unha amnistía xeral de todos os crimes cometidos durante as catro décadas da ditadura militar...