A Asociación de Empresarios de Ribeira solicitou á subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, solicitando a habilitación na cidade dunha Oficina do Rexistro da Propiedade, así como a posibilidade de que os exames e probas para a obtención do permiso de circulación sexan realizados tamén en Ribeira. A patronal compartiu a resposta da solicitude (ao abeiro do seu compromiso de transparencia coa cidadanía), na que se deixa a porta aberta á consecución do primeiro dos obxectivos (a Oficina do Rexistro), non así a da segunda, a das probas da obtención do permiso.
En concreto, a Sudelegación informa da imposibilidade de realizar en Ribeira as probas de obtención do permiso de circulación, “dado que estas realízanse na provincia de Pontevedra tan só en dúas cidades, Pontevedra e Vigo, e en canto na provincia da Coruña efectúanse en tres”. Segundo explica, “a situación actual das comunicacións non fan necesario efectuar estas probas en máis municipios”.
Con respecto á Oficina do Rexistro da Propiedade, a Subdelegación informa que deu traslado da petición á Dirección General de Seguridad Jurídica y Fe Pública do Ministerio da Presidencia, Justicia y Relaciones con las Cortes, a cal respondeu que “se terá en consideración a solicitude na próxima revisión de demarcación rexistral”.
A patronal aproveitou a recepción das respostas da Sudelegación para “instar ao Concello de Ribeira a que leve a pleno a petición para que tamén solicite a dotación desta Oficina do Rexistro da Propiedade para a nosa cidade”.



