O Concello de Ribeira vai organizar un curso dirixido a mellorar a formación no coidado de persoas dependentes nos seus domicilios. A actividade vén da man da Concellería de Servizos Sociais. Desenvolverase entre o 25 de novembro e o 2 de decembro. A formación porá o foco na hixiene persoal e a mobilización.
A concelleira Ana Barreiro presentou esta nova iniciativa, acompañada da técnica Nieves Sobrido. A edil municipal explicou que con esta acción “preténdese dar resposta a unha carencia formativa que se detectou”, ao tempo que se potencia a empregabilidade nun “eido de traballo con cada vez máis demanda”.

Os obxectivo principal do curso estriba en formar os futuros profesionais sobre o modo de realizar cambios posturais que favorezan a mobilidade e hixiene do dependente. As clases terán lugar nas aulas de Servizos Sociais situadas na rúa Cristóbal Colón e desenvolveranse os días 25, 28,29 e 30 de novembro e 1 e 2 de decembro, de 09.30 a 13.30 horas. O programa consta de 15 horas teóricas e 10 prácticas.
Poden acceder a esta formación todas as persoas interesadas, tendo preferencia quen cumpra os seguintes requisitos:
-Estar en situación de desemprego.
– Carecer de cualificación profesional obtida/ recoñecida polo sistema de formación para o emprego ou o sistema educativo relacionada co posto.
O prazo de inscrición terá lugar do 14 ao 21 de novembro, podéndose facer no Departamento de Servizos Sociais Comunitarios.
Na presentación foron avanzadas outras futuras accións dos Servizos Sociais do Concello, como son un obradoiro de risoterapia ou un programa formativo en colaboración coa Escola Galega de Saúde.