Boiro conmemora o 25 de novembro co obxectivo de aumentar a seguridade das mulleres no ámbito do lecer

O Concello de Boiro conmemora o vindeiro 25 de novembro o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller co obxectivo de promover a seguridade no ámbito do lecer. Para iso, vaise levar a cabo a lectura dun manifesto colectivo ás 12.00 horas na Praza de Galicia e unha mesa de traballo participativa.
A violencia contra as mulleres é un obstáculo para construír sociedades inclusivas e sostibles e, este ano, o Concello de Boiro quere mostrar o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero facendo visibles as agresións machistas contra as mulleres no ámbito do lecer. A programación do 25N deste
ano céntrase en dar visibilidade ás agresións machistas neste eido e elaborar un Protocolo de actuación contando cos distintos sectores e ámbitos involucrados.
A programación do venres 25 comezará cunha concentración ás 12.00 horas na Praza de Galicia onde se gardará un minuto de silencio en memoria das vítimas e a lectura dun manifesto colectivo de repulsa ás agresións machistas, facendo especial fincapé nas acontecidas no ámbito do lecer, no que van participar a mocidade, representantes da hostalaría local, do tecido asociativo e profesionais sociais, educativos, sanitarios e das forzas e corpos de seguridade.
Seguidamente terá lugar tamén unha mesa de traballo participativa para a diagnose das violencias machistas no ámbito do lecer boirense coa que se pretende deseñar un Protocolo de actuación que, de forma colectiva e coordinada co sector da hostalaría, o tecido social, a mocidade, profesionais sociais, educativos, sanitarios e das forzas e corpos de seguridade, sirva como folla de ruta para saber como actuar se sufrimos ou somos testemuñas dunha agresión de xénero.