ADEGA esixe a eliminación urxente do xacinto de auga en areais e zonas húmidas

16 Novembro 2022

A organización ecoloxista ADEGA vén de emitir un comunicado no que alerta sobre unha incipiente expansión do xacinto de auga, unha planta exótica invasora que actualmente está a proliferar en numerosas praias das Rías Baixas, á vez que pon en perigo as zonas húmidas galegas, como as lagoas das Cachadas, en Sanxenxo, ou o rego de Trabe en Culleredo.

ADEGA condena “a introdución presuntamente deliberada de especies invasoras no medio
natural” e reclama ás administracións públicas competentes na Xunta e no Estado que se ateñan ao disposto polo artigo 8, do Real Decreto 630/2013, de 2 de agosto, polo que se regula o Catálogo español de especies exóticas invasoras: “As comunidades autónomas (…) e a Administración Xeral do Estado, no marco das súas competencias, realizarán o seguimento xeral das especies exóticas con potencial invasor”, e engade, no seu artigo 9 de Medidas urxentes, que: “No caso de constatarse a existencia dunha ameaza grave producida pola aparición dunha especie exótica invasora, incluída ou non no catálogo (…) aplicaranse de forma urxente, por parte das comunidades autónomas (…) e a Administración Xeral do Estado (…) as medidas necesarias para o seguimento, control e posíbel erradicación da citada especie”.

ADEGA engade que “as toneladas desta planta que están a aparecer nos areais galegos poderían mesmo invadir regatos próximos ou ser transportados a xardíns e novas zonas húmidas”. Así pois, insta á Xunta e ao Goberno do Estado que tomen cando menos as seguintes medidas:

1. A eliminación inmediata das poboacións de xacinto acuático tanto da barreira das Cachadas en Sanxenxo como das outras poboacións detectadas, en especial a do rego de Trabe en Culleredo.

2. A revisión bimestral de todos os puntos onde se teñan detectado xacintos acuático, mesmo se houbo eliminacións (por exemplo en varias lagoas do concello de Sanxenxo) na procura de eventuais poboacións desta planta invasora.

3. A investigación sobre a orixe de procedencia dos xacintos acuáticos, sexa unha empresa comercializadora ou particulares, coa preceptiva depuración de responsabilidades.

En todo caso, ADEGA insta á Xunta a que realice unha prospección máis detallada de posíbeis puntos de venda de plantas exóticas con potencial invasor en toda Galiza, para a detección desta e doutras especies invasoras.

ADEGA lembra que segundo figura no informe do Grupo de Especialistas en Especies Invasoras da Unión Internacional pola Conservación da Natureza (IUCN/GISD, polas súas siglas en inglés), o xacinto acuático é unha das 100 especies invasoras máis perigosas do mundo, detectada xa en 50 países dos cinco continentes. É unha planta vascular de orixe sudamericana, con crecemento moi rápido, con poboacións que se duplican en tan só 12 días e que chegan a tapar a luz solar no fondo de zonas húmidas, diminuíndo a concentración de osíxeno e reducindo a diversidade florística de especies somerxidas. Na Península Ibérica infesta numerosos cursos de auga en Portugal (desde o distrito de Viana do Castelo ao sur ata o Algarve), así como ríos en Estremadura e Andalucía.

No Estado español está prohibida a súa comercialización desde o ano 2011, e dous anos despois
incluíuse no Catálogo Español de Especies Invasoras. Preto de Galiza, o río Cávado atópase parcialmente afectado por esta praga. Os ríos ibéricos afectados polo xacinto acuático son obxecto de mapeo e eliminación dentro do proxecto Life Invasaqua.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.