Rematan as obras da nova senda peonil na estrada AC-305 en Burés, no Concello de Rianxo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras dunha nova senda peonil na estrada autonómica AC-305, en Burés, no concello de Rianxo.

Os traballos, cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, consistiron na execución dun itinerario pola marxe esquerda da estrada AC-305, de 100 metros de lonxitude, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 10+180 e 10+280.

Con esta actuación a Xunta atende unha demanda veciñal, dando acceso a unha parada de autobús nesa marxe da estrada, onde tamén se dispuxo refuxio para os usuarios do transporte público.

Este itinerario complementa a senda proxectada pola marxe dereita da estrada AC-305 e que conectará A Casilla, O Araño e Burés.

A Xunta segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.