Regulado por primeira vez o acceso diario de embarcacións e persoas o illote Areoso

15 Outubro 2022

A Xunta propón limitar a 100 persoas o acceso diario a Areoso a partir de Semana Santa

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, presentou hoxe a orde que establece os usos permitidos no arquipélago dos Guidoiros e da illa da Rúa e regula por primeira vez o acceso diario de embarcacións e persoas.

Durante unha visita ao Concello da Illa de Arousa, na que estivo acompañada polo alcalde, Carlos Iglesias, e por representantes da Organización de Produtores de marisco e cultivos mariños da provincia de Pontevedra (OPP–20), Ángeles Vázquez incidiu en que esta nova orde ten por obxectivo establecer as normas relativas ao uso público e actividades recreativas neste espazo natural para garantir a conservación dos hábitats e das especies de flora e fauna silvestre que atesoura este conxunto de illotes.

Deste xeito, esta orde inclúe como principal novidade o establecemento dunha cota diaria tanto para o fondeo de embarcacións como para a visita aos illotes. Así, en tempada alta -do 15 de maio ao 30 de setembro e Semana Santa- permitiranse ata 20 fondos e 50 persoas por cada unha das quendas -mañá e tarde-, mentres que en tempada baixa o límite será de 10 fondeos e 20 persoas. No caso das visitas aos illotes, a recomendación é facela en grupos de non máis de 20 persoas, acompañados dun guía -5 en tempada baixa- e evitarase a coincidencia dos grupos.

A maiores, tamén se regula o atraque de embarcacións relacionadas coas actividades de uso público nos illotes, que deberá efectuarse sobre o medio litoral para preservar os hábitats e as especies. O número de autorizacións oscila entre as 10 e as 12 embarcacións por quenda en función de se a embarcación ten motor ou non en tempada alta mentres que en tempada baixa o límite estará en 5 embarcacións por quenda.

Usos e actividades prohibidos

No que respecta aos usos e actividades que se prohiben, a conselleira salientou a acampada; a caza e a pesca recreativa ou deportiva; a recolección de especímenes e mostras biolóxicas, animais e plantas; a práctica do botellón e o lume; o emprego de aparellos de son que perturben a tranquilidade do hábitat, e calquera modalidade de publicidade exterior.

Cómpre salientar que esta norma establece como actividades permitidas, entre outras, o tránsito a pé na área terrestre, o submarinismo en apnea sen pesas e o baño na modalidade de snorqueling. E, a maiores, inclúe a posibilidade de realizar actividades recreativas ou culturais, sempre que non alteren o estado de conservación dos hábitats.

Para concluír, Ángeles Vázquez indicou que este documento se someterá a información pública e audiencia aos interesados desde o vindeiro martes, 18 de outubro, ata o 8 de novembro, co obxectivo de que entre en vigor a vindeira Semana Santa.

Outros artigos

Luns 14, xornada de inestabilidade con chuvascos e sarabia

Un pequeno centro de baixas presións atravesará Galicia durante a xornada do luns, Santa Lidia, deixando tras de si unha situación meteorolóxica marcada pola inestabilidade. Espéranse ceos parcialmente cubertos e chuvascos que poderán rexistrarse en calquera punto da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

“Portas xiratorias, interese público”. José Luís Calo

España ten moito que mellorar na loita contra a corrupción. O Grupo de Estadoscontra a Corrupción do Consello de Europa (GRECO) publicou dous informes deseguimento que avalían o cumprimento por parte de España das súasrecomendacións para previr a corrupción. O “GRECO”...