Prosegue o Outono Teatral de Outes cunha ración dobre de espectáculos: Morgana en Esmelle e A Familia Real

Outes está esta tempada no punto de mira dos seareiros das artes escénicas, grazas á nova edición (a XXVII) do seu Outono Teatral, certame impulsado dende a área de Cultura que comezou o sábado 1 de outubro ás 19.00 horas co espectáculo familiar Canta-Xoga da compañía Migallas. A axenda, que inclúe 15 funcións, vén completa e variada, con propostas (cada fin de semana até xaneiro) para público infantil e funcións para adultos. Con todo, esta semana vén con agasallo: dúas obras programadas, por unha banda Morgana en Esmelle e pola outra A Familia Real.

Morgana en Esmelle

Esta produción de Sarabela Teatro, representarase finalmente este venres 21 ás 20.30 horas na Casa da Cultura. Adaptación da novela do mesmo nome de Begoña Caamaño, é unha obra que reescribe o mito artúrico cunha ollada diferente e contemporánea. Duración: 90 minutos. Para maiores de 14 anos.

A Familia Real

A Familia Real (Aporía e Olivas Negras) é unha obra que fala da complexidade da crianza e da súa incompatibilidade coa dureza e falta de estabilidade das artes escénicas. Domingo 23 de outubro ás 19:00 h na Casa da Cultura. Duración: 70 minutos. Para maiores de 10 anos.

As entradas poden collerse na Casa da Cultura. (Horario: de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 20:00 horas)

O ciclo prosegue os meses vindeiros con Os Feirantes (o 5 de novembro ás 20h), Facer memoria (o 12 de novembro ás 20h), As que limpan (o 19 de novembro ás 20h), Lo del 75 (o 20 de novembro ás 19h), O xardín de Vila Gris (o 26 de novembro ás 19h), Sofá (o 3 de decembro ás 20h), Farándula velutina (o 10 decembro ás 20h), Voute contar (o 18 de decembro ás 19h), Ámote (o 7 de xaneiro ás 20H) e Smoke on the water (o 14 de xaneiro ás 20h).