Pendente aínda a resolución do CIAIM (Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos) sobre que foi o que produciu o naufraxio do pesqueiro marinense Villa de Pitanxo, a proposta da Ministra de Xustiza -ratificada polo Consello de Ministros do martes último- o mariñeiro dese buque (un dos tres únicos sobreviventes) Samuel Kwesi Koufie, de orixe ghanesa, xa ten nacionalidade española. A decisión atribúese ás “circunstancias excepcionais” nas que se atopa o mariñeiro, de baixa médica como consecuencia do afundimento do pesqueiro en augas de Terranova o pasado 15 de febreiro.
O testemuño de Samuel Kwesi é considerado fundamental para investigar o sucedido, por canto modifica substancialmente as declaracións realizadas polo patrón do buque e o seu sobriño, sobreviventes ao igual que Samuel da terrible traxedia rexistrada en augas nas que o barco faenaba, a 250 millas da costa terranovense, e que produciu a morte a 21 dos seus 24 tripulantes.
No afundimento do barco de Marín non se produciu orde expresa á tripulación para que se puxeran os traxes de sobrevivencia, algo que chamou a atención de Samuel Kwesi porque o patrón e o seu sobriño xa os tiñan postos. Estes tamén dixeron que o patrón dera esa orde.
Na Audiencias Nacional, o mariñeiro ghanés dixo que o motor do Villa de Pitanxo non parou, senón que deixou de funcionar ben o sistema que permite recoller (cobrar, en termos mariñeiros) o aparello, tensando pero non recollendo, feito que provocou, ao seu parecer, a escora que, posiblemente, causou o naufraxio.
Os mariñeiros que estaban na cuberta berraron para que o patrón arriara os aparellos, sen que o máximo mando do buque tivera en conta tal demanda. Posteriormente, o co buque xa escorado, parouse o motor e a escora de babor incrementouse definitivamente causando o afundimento do buque e a morte a 21 mariñeiros.
A concesión da nacionalidade española a Samuel Kwesi ten en conta, probablemente, a situación persoal do mariñeiro, wue non volveu embarcar e que conta con baixa médica. Legalmente ese recoñecemento xa podería corresponderlle, debido a que reside e traballa en España dende vai máis de 15 anos.
Mentres tanto, as familias dos mariñeiros finados manteñen a reclamación para wue o Goberno decida conceder permiso para que persoal preparado e dotado dos medios necesarios inspeccionen o pecio do Villa de Pitanxo por se poideran constatar que os mariñeiros desaparecidos permanecen aínda nas dependencias do arrastreiro.