Os veciños de Araño organizan o día 22 unha Muiñada no Té

11 Outubro 2022

A Asociación de Veciños do Araño, no marco do seu incansábel traballo para recuperar e poñer en valor o patrimonio natural e etnográfico da contorna, vai organizar este mes de outubro unha actividade que reivindique e visualice os seus muíños de auga, construcións que representaron nas pasadas décadas (até os anos setenta do século pasado) unha parte fundamental da sociedade e a economía rural galega. A asociación porá o foco nos muíños que se conservan na parroquia, na zona de Buía, “onde temos a fortuna de contar con tres muíños de auga (de Quintáns, da Veiga e dos Lemos) completamente operativos e en bo estado de conservación, que ademais atópanse conectados por un sendeiro fluvial de gran beleza e de pouco máis dun quilómetro de lonxitude”, explican.

Co obxectivo de enxalzar e poñer en valor estas construcións abeiradas ao río Té, o vindeiro sábado 22 de outubro organízase unha Muiñada no Té. O punto de encontro será na Capela de San Xoán da Ermida ás 16:30, para dirixirse os asistentes ao río onde se fará unha visita didáctica aos tres muíños operativos. Alí poderase coñecer polo miúdo os seus compoñentes, as súas diferenzas e os mecanismos do seu funcionamento, así como a súa posta en marcha para a moenda do millo. A xornada estará amenizada polo grupo de música tradicional Río de Anxo. Ao largo de percorrido, haberá xogos tradicionais para os máis cativos da man da asociación Avoar.

“A idea de fondo”, sinalan dende a asociación, “é que os avós e bisavós que viviron as muiñadas, poidan contar e transmitir o que alí acontecía: anécdotas, contos, xogos, festexos, etc. crear polo tanto un punto de encontro interxeracional para a conservación deste patrimonio tan noso”.

Para rematar, na carballeira da contorna do Muíño dos Lemos haberá unha pequena merenda ao son das gaitas para poñer o punto e final a esta Muiñada.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

“Una bella cierta historia de amor” – Manuel Domínguez

Todos sabemos que la historia de Romeo y Julieta es una novela, de W Shakespeare Pero la hermosa historia de amor entre Pedro I rey de Portugal y la gallega, Inés de Castro, es realmente dolorosamente y admirablemente cierta Por temor a que los hijos de Inés,...