O PBBI pide mellorar a xestión do lixo no Polígono de Xarás e optimizar a contorna do Punto Limpo

O grupo PBBI de Ribeira, a través do seu concelleiro e portavoz Vicente Mariño, presentou unha moción para ser debatida en pleno relativa ao Polígono de Xarás e a necesidade de mellorar, en palabras da agrupación, “a precaria situación do complexo empresarial en materia de limpeza”. O PBBI, que di reflectir na súa proposta o malestar de traballadores e xerentes do Polígono, informa que en Xarás “hai empresas que debido ao seu traballo diario xeran gran cantidade de residuos, que deberían recollerse acotío, xa que pola contra a acumulación de residuos provoca fedores e pestilencias moi desagradables”.

Contedores desbordados

Ademais de malos cheiros, o grupo de Vicente Mariño critica “a falta de capacidade dos colectores, o que provoca que os empregados non teñan espazo para botar o lixo no colector que corresponde”. E engaden: “Estamos a falar dunha zona industrial onde están instaladas 20 empresas e entidades que xeran a maior parte da actividade do municipio e que, como non ía ser doutra forma, producen gran cantidade de residuos”. O PBBI tamén quere reflectir as críticas das empresas sobre a capacidade dos contedores, “que son antigos e limitados e demandan que se substitúan por outros como os que se instalaron polas rúas do centro urbano de Santa Uxía e os núcleos rurais do municipio”.

Lixo na vía pública na contorna do Punto Limpo

O grupo pon asemade o foco na xestión do Punto Limpo municipal, que “é moi deficiente”, sinalan dende o PBBI, engadindo que esta mala xestión reflíctese nos numerosos residuos e refugallos depositados na vía pública en lugar de trasladalos ao lugar que corresponde.

Fochancas no acceso ao Punto Limpo

O grupo cidadá tamén reflicte outra liña de queixas dos empregados da zona industrial, que lembran a necesidade de pavimentar e reparar as inmediacións do Punto Limpo, unha zona onde conviven diariamente numerosos traballadores, que tamén reclaman un maior espazo de aparcamento de vehículos. O PBBI denuncia a gran cantidade de fochas e fochancas de gran profundidade, que en lugar de encherse con asfalto faise con pedras, “empeorando aínda máis se cabe a circulación rodada”.

Por todos estes motivos, o PBBI solicita o seguinte:

1 – “Instar o Concello de Ribeira a que chegue a un acordo con Urbaser para ampliar os días de recollida de lixo no Polígono Industrial de Xarás, garantindo unhas mellores condicións de limpeza e organización na esta área”.

2- “Instar o Concello de Ribeira a substituír os colectores de lixo existentes no Polígono de Xarás por outros novos e de maior capacidade, como os que se instalaron polas rúas do centro urbano de Santa Uxía e o núcleo rurais do municipio”.

3 – Instar o Concello de Ribeira a que poña en marcha un plan conxunto co punto limpo municipal para recoller os residuos e refugallos de todo tipo que se atopan na vía pública, tendo en conta en primeira instancia os mencionados na exposición de motivos..

4 – “Instar o Concello de Ribeira a pavimentar con asfalto ou outro material consistente as inmediacións do Punto Limpo, as cales se atopan cheas de fochas e en mal estado para a circulación rodada de vehículos”.