O Concello de Boiro vén de abrir unha liña de traballo participativo coa veciñanza para recadar fotos antigas do Pazo de Goiáns. O obxectivo non é outro que seguir avanzando na preservación da memoria colectiva local, desta volta a vencellada á dita construción histórica recentemente remodelada e posta en valor. As imaxes poden levarse á Oficina de Turismo do Concello de Boiro ou no Centro Social de Boiro ou envialas mediante correo electrónico.

Dende o Concello lembran que o vindeiro 26 de novembro está programada unha xornada aberta sobre a memoria de Goiáns cunha exposición das fotografías, documentos e arquivos que se recaden e tamén das entrevistas realizadas coas persoas que estiveron vencelladas ao Pazo. A maiores vaise desenvolver un mapa emocional da finca, unha ferramenta dixital que busca recoller e difundir todo este material recollido.
Todas aquelas persoas que desexen compartir imaxes ou coñecemento sobre o Pazo de Goiáns poden facelo no enderezo electrónico turismo@boiro.org ou de maneira presencial na Oficina de Turismo de Boiro ou no Cento Social de Boiro.