O Concello de Boiro e a conserveira boirense JEALSA fixeron balance este luns 24 dos importantes froitos acadados trala celebración da II JEALSA Solidaria, que se celebrou o pasado 12 de outubro con gran éxito de participación, mobilización e repercusión. Segundo fixeron saber, a carreira foi quen de recadar 9.400 euros, que foron entregados este luns ao presidente da Fundación Stop Leucemia, de mans do alcalde José Ramón Romero.
Na cita tamén participou Margarita Hermo, directora de Relacións Institucionais de JEALSA, que manifestou que “estamos moi emocionados coa xenerosidade e solidariedade dos nosos veciños e amigos. Superamos con fartura as nosas previsións, xa que se inscribiron preto de 700 persoas para participar na proba e tamén foron moitas as persoas que nos fixeron chegar a súa colaboración a través do Dorsal Cero”. A representante de JEALSA agradeceu ao Concello de Boiro a súa axuda para o bo desenvolvemento da proba, á Sociedade Deportiva Barbantia pola organización e aos máis de 50 voluntarios e ás empresas que colaboraron na iniciativa: Lyreco, Triñanes e Hijos, Distribuciones Froiz, Confeitería Belen e Chicolino Eventos. Todos estes apoios, dixo Margarita Hermo, “converteron a xornada nunha festa na que todos sentimos partícipes. A nosa intención é seguir sumando colaboradores e converter este evento solidario nunha cita ineludible”.
Pola súa banda, Alvaro Concheiro, presidente da Fundación Stop Leucemia, quixo agradecer “a Boiro e a JEALSA, en nome de todos os enfermos hematolóxicos esta doazón que se destinará ao equipo de investigación do CHUS”.
Trala entrega do cheque por valor de 9.407,41€ (nove mil catrocentos sete euros con corenta e un) o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, felicitou a JEALSA por esta iniciativa, asi como á entidade S.D Barbantia, representada neste acto por Jose Navarro e ás empresas que se sumaron ao proxecto, como Eventos Chicolino, que nesta ocasión foi representada por Rebeca Fajardo. “Estamos moi orgullosos do labor social que tanto organizacións como empresas realizan neste Concello, que poñen de manifesto o compromiso e solidariedade dos nosos veciños.. Estamos seguros que entre todos, acadaremos grandes logros en eidos tan esenciais como a investigación médica, porque non hai futuro sen investigación. Agradecemos especialmente a JEALSA non só por este evento senón tamén pola implicación que ten en accións sociais e deportivas neste concello”.