Emilio Palacio confía en que o Rotogal Boiro Voleibol mellore na faceta ofensiva

M.A.- O Rotogal Boiro Voleibol visitará pasadomañá ao Barça (ás 11.30 horas no Pavillón de La Salle) co obxectivo de sumar o primeiro triunfo do curso na Superliga. Para iso, en opinión do técnico Emilio Palacio, o equipo debe “mellorar en ataque. Se a fase de saque e recepción facémola como ata o de agora, só faltaríanos ser máis contundentes no plano ofensivo”.

O Rotogal Boiro Voleibol desprazarase a Barcelona coa baixa de Martín Casais, que, segundo explica o adestrador, “está nun proceso médico. Aínda queda un mes e medio aproximadamente. Hai que esperar para ver como evoluciona co tratamento. Non hai necesidade de apuralo”. Emilio Palacio tamén matiza que a chegada de Elgueta, Mendonça e Wu Cheng-Tang, o tres estranxeiros, “está cada día máis complicada. Hai algún que, practicamente, non vai vir, pero farémolo oficial no seu momento. O tema burocrático está difícil e estamos a reiniciar o visado dalgún. Temos que tocar fondo nalgún momento”.

O Rotogal Boiro Voleibol conseguiu o seu primeiro set a favor a semana pasada contra o Léleman Conqueridor Valencia, un dato que, en opinión de Emilio Palacio, “é positivo, sobre todo pola falta de experiencia do noso persoal. Pelexamos cada xornada, pero, se non gañamos, é un pouco frustrante. Isto dá un plus de ánimo para competir e seguir buscando a vitoria”.