O Concello de Boiro desenvolve durante o curso 2022-2023 unha nova edición do Obradoiro de Emprego en Xestión Forestal Torre Goiáns II – Boiro. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Medio Ambiente, Raúl Treus, visitaron na mañá deste xoves 6 de outubro ao alumnado. Fixérono acompañados da directora, Lidia Santos, e do persoal docente.
O obradoiro desenvolvese no Centro de Formación e Viveiro de Empresas de Espiñeira e conta coas especialidades de Aproveitamentos forestais e de Repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, con 10 alumnados en cada modalidade. Ademais, as persoas asistentes terán a oportunidade de realizar a parte práctica da formación en espazos naturais do municipio como son a contorna do Pazo de Goiáns e do Centro Arqueolóxico de Neixón, o transcurso do camiño xacobeo do Barbanza (A Orixe), Monte Peón e Monte do Sino.

O alumnado traballador recibe formación teórica e práctica e conta cun contrato de traballo para a formación e aprendizaxe a tempo completo, de 40 horas semanais, durante os 12 meses que dura o programa e en horario de 7.30 horas a 15.30 horas.
O alcalde deu a benvida aos asistentes e animounos neste inicio de curso xa que “é unha oportunidade moi boa para formarse e para atopar saídas laborais, porque é un sector que ten moito futuro na nosa comarca”.
O Obradoiro de Emprego en Xestión Forestal Torre Goiáns II – Boiro realizase mediante unha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para a realización de obradoiros de emprego na comunidade autónoma.