O Concello de Boiro informou do impulso definitivo ao proxecto para executar o que sería o primeiro parque canino do municipio. A instalación estará situada na rúa Manuel María, a carón do Parque da Cachada, e contará con todo o equipamento necesario para mascotas.

As actuacións veñen de ser adxudicadas por un importe de 29.970 euros e vaise actuar nunha parcela de titularidade municipal situada a carón do parque da Cachada. O parque canino ocupará unha superficie de 974,55 metros cadrados, estará delimitado por un valado perimetral e contará no seu interior cunha fonte dobre, para mascotas e persoas, papeleiras, bancos e luminarias, así como xogos para os animais.
Con esta nova área de lecer o Concello busca “dar un servizo ás persoas e familias con mascotas que demandan novos espazos adaptados”. Coa construción deste parque, sinalou na mañá deste 18 de outubro o alcalde José Ramón Romero, “damos resposta a unha demanda veciñal cunha instalación que vai axudar á convivencia, ao contar cunha zona específica para mascotas”.
Segundo os datos do REGIAC, o Rexistro Oficial Galego, en Boiro hai censados preto de dous mil cincocentos cans, unha cifra maior dos boirenses menores de 14 anos. “Con esta actuación garántese unha zonificación e reparto dos servizos e dos espazos para toda a poboación”, afirmou o concelleiro de Medio Ambiente.