A Escola de Música da Pobra deu a benvida ao curso 2022-2023 cun acto na casa da cultura Raquel Fernández Soler para así anunciar os obxectivos e novidades para esta singradura e, como non podía ser doutro xeito, contou con varias actuación musicais
Esta entidade constitúe un axente dinamizador máis da vida cultural do municipio, así como un instrumento formativo que ofrece educación musical a unha media de 80 alumnos/alumnas de distintas idades por ano. Unha implicación que se traduce en que estudantado accedese ao grao profesional acadando as máximas cualificacións nas probas de acceso en distintos conservatorios.
“Traballo, esforzo e compromiso son tres adxectivos que definen a esta escola”, en palabras da concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG- PSOE), quen destacou tamén a potenciación da diversidade cunha ampla
oferta que abrangue estudos de música clásica, moderna e tradicional.
Organizada pola Asociación Cultural ESMU A Pobra, ten na Administración local un piar fundamental ao sufragar arredor do 40% do gasto total anual, ceder espazos da casa da cultura para a impartición das clases e contar co alumnado para amenizar distintos actos culturais como presentacións literarias e inauguracións de exposicións.
Xunto con Manuel Sobral, en calidade de representante da mencionada asociación, avanzaron algúns dos proxectos coa vista posta no futuro: creación dunha banda infantil, inicio dos trámites para que a escola sexa recoñecida e incluída no rexistro xeral dependente da Consellaría da Educación, concertos didácticos nos centros de ensino do termo municipal e programación de pequenos concertos en determinadas fins
de semana.
Cómpre indicar que as aulas se desenvolverán do 3 de outubro ao 1 de xullo con numerosas opcións: iniciación musical infantil (3, 4 e 5 anos), formación instrumental individual (saxo, frauta travesa, clarinete,
trompeta, trompa, trombón, bombardino, tuba, violoncello, piano, piano complementario, guitarra, baixo eléctrico, ukelele, percusión, batería, teoría da música e gaita), linguaxe musical, formación musical para persoas adultas, harmonía clásica, harmonía moderna, coro de música moderna formado por persoas adultas, banda xuvenil, grupos de cámara, combos (jazz, funk e rock), ensemble de percusión e preparación de probas de acceso a conservatorios.
A matrícula permanece aberta durante todo o curso e as contías a aboar dependen das materias. Habilítanse os teléfonos de contacto 636342485 e 616901276 para máis información.