A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) presentou aos concellos este martes 15 de outubro o plan de Reforma e Ampliación da Rede de Aulas CeMIT, inserido no convenio subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e contando cun orzamento de 22.776.304 euros ata 2025. Con esta contía realizarase dende as administracións locais, a través da FEGAMP, unha completa axenda de actuacións en materia de inclusión dixital. As Aulas CeMIT, espazos de formación e capacitación tecnolóxica ao servizo da veciñanza, teñen presenza en Ribeira, Boiro, O Son, Noia e Muros.
Indo ás melloras do plan, salientan actuacións como: a dotación tecnolóxica punteira (impresoras 3D, kits de robótica, drons, lentes de Realidade Virtual e kits de placas de comunicación e programación así como computadores All-In-One, pantallas interactivas, equipamento inclusivo para persoas con discapacidade, sistemas de vídeo-conferencia, tabletas, libros electrónicos e complementos audiovisuais), a transformación física e arquitectónica dos centros cara a un modelo máis flexíbel, a posta en marcha dunha aula móbil e o reforzo formativo e dos servizos dixitais (os espazos web, a plataforma formativa en liña, a plataforma de xestión…).
Na presentación, á que foron convidadas 91 entidades locais e participaron 80 asistentes, tamén se informou aos concellos e ás entidades locais (que xa contan cunha Aula CeMIT) que teñen ata o 30 de decembro para adherirse a este Plan, para o que se habilitou unha ligazón especiífica para consultar toda documentación referida a este proceso.
Asemade, o dito convenio continúa a regular tamén a subvención económica outorgada a aquelas aulas que, polo seu nivel de actividade, son consideradas “de referencia”. Este orzamento distribuirase atendendo a criterios de actividade das aulas así como da poboación do municipio, correspondendo ás entidades locais de máis de 5.000 habitantes que ostenten esta condición unha subvención de 15.000€ e ás de menos de 5.000 habitantes a contía de 7.251€.
Alén disto, o plan tamén pensa na posibilidade de ampliar novas Aulas CeMIT nas entidades locais que actualmente non formen parte da Rede CeMIT e estean dispostas a asumir os compromisos de dinamizar e impulsar as competencias dixitais.
Volvendo ao acto de presentación desta folla de ruta, dicir que contou coa presenza do director da AMTEGA, Julián Cerviño, o presidente da FEGAMP Alberto Varela e o director de área de Sociedade Dixital da AMTEGA, Miguel Rodríguez.
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica) é unha iniciativa posta en marcha pola AMTEGA, que conta coa colaboración de 91 concellos e está integrada por 97 centros en 52 comarcas. Ten entre os seus obxectivos os de promover o uso da tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación e amosar as vantaxes da sociedade dixital.
A Rede CeMIT conta con máis de 100.000 persoas usuarias, das que un 59,77% son mulleres. Dende 2011 lévanse impartidas cerca de 500.000 horas de formación. A rede conta con máis de 980 “aliados dixitais” entre empresas, entidades e persoas voluntarias.