A Xunta de Galicia acaba de adxudicar, por un importe de 210.188,36 euros e cun prazo de execución de tres meses, as obras para a mellora do bordo da praia do Cruceiro, no municipio coruñés de Porto do Son.
A actuación será cofinanciada nun 70% pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e no 30% restante polo Concello, en virtude do convenio asinado entre ambas partes e Portos de Galicia o pasado mes de maio.
Os traballos, cuxo comezo xa estaba previsto para este outono co fin de minimizar as molestias para os usuarios do areal durante o verán, consistirán na demolición dos muros de formigón, asfalto e bordos actuais, ao tempo que se realizarán movementos de terras para dar firmeza aos cimentos das pasarelas que se prevé instalar, repoñéndose o pavimento con lousas de granito e rematándose as pasarelas en madeira de pino.
Así mesmo e segundo se recolle no proxecto, a actuación urbanística prevé a instalación do abastecemento e o saneamento necesarios para dar servizo aos usuarios da praia, coa colocación de duchas e lavapés, ademais da instalación de alumeando e balizas.
Cómpre subliñar que esta actuación enmárcase no plan Hurbe, posto en marcha polo Goberno galego hai máis dunha década para apoiar ás entidades locais no desenvolvemento deste tipo de actuacións urbanísticas que teñen como fin humanizar as vilas e municipios galegos e mellorar os equipamentos e servizos públicos á disposición dos cidadáns, incrementando deste xeito a calidade de vida da súa veciñanza.
A Xunta seguirá apostando por esta vía de colaboración cos concellos o vindeiro ano, tal e como se reflicte nos orzamentos da Consellería, que reservan unha partida de 8 millóns de euros a este capítulo.