A Xunta investirá máis de 3 M€ en 2023 para a promoción dos produtos do mar nunha quincena de eventos sectoriais nacionais e internacionais

17 Outubro 2022

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe ás empresas galegas da cadea mar-industria que participan estes días na feira Sial Paris 2022 para apoialas na promoción dos seus produtos en novos mercados e na busca de oportunidades de negocio noutros países. Neste sentido, a titular de Mar anunciou que o seu departamento vai reforzar en 2023 a participación neste tipo de eventos nacionais e internacionais coa presenza nun total de 15 certames -fronte aos 13 deste ano- e que investirá máis de 3 millóns de euros nestas accións de promoción e impulso da internacionalización das empresas do mar de Galicia.

A representante da Xunta defendeu a aposta de Galicia por poñer en valor a calidade dos seus produtos pesqueiros e dalos a coñecer en todo o mundo, o que contribuirá a impulsar a súa demanda, os seus prezos e os ingresos dos profesionais da pesca, o marisqueo, a acuicultura e a transformación. Esta cuestión, dixo, é fundamental nun momento de dificultades derivadas da guerra en Ucraína, do encarecemento da enerxía e das materias primas e de medidas inxustas como o veto á pesca de fondo decretado por Bruxelas.

Ante esta situación, e unha vez superado o parón na celebración de eventos multitudinarios pola pandemia da covid-19, Rosa Quintana apelou á necesidade de seguir mostrando a todo o mundo que Galicia conta cuns produtos pesqueiros da máxima calidade e cunhas empresas que miman a súa materia prima apostando continuamente pola innovación e a mellora da súa competitividade.

A titular de Mar, que estivo acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, explicou que a alerta sanitaria polo coronavirus obrigou ao complexo mar-industria galego a adaptarse ás novas necesidades e demandas dos consumidores e que o fixeron en tempo récord, o que demostra a resiliencia das empresas da comunidade e a súa fortaleza para afrontar as dificultades.

Outra mostra dese vigor é o feito de que o sector marítimo-pesqueiro galego superase o ano pasado os 2.400 millóns de euros de exportacións, unha cifra que supón un novo máximo histórico no marco da tendencia ascendente rexistrada nos últimos anos.

Presenza galega

A Xunta participa en Sial Paris 2022 cun posto de máis de 280 metros cadrados de superficie que alberga a 14 entidades coexpositoras: Copesma Congelados, A Pulpeira, Frioantartic, Mares de Galicia, La Brújula-Ramón Peña, Fesba, Cassua, Pasteurizados Cíes, Orpagu, Anfaco-Cecopesca, Connorsa, Orbe, Grupo Profand e Pay-Pay.

A maiores, na modalidade de centro de negocios participa Salgado Congelados mentres que outras once empresas galegas de alimentación (Congalsa, Frinsa do Noroeste, Jealsa Rianxeira, Conservas Albo, Aceites Abril, Bonilla a la Vista, Calvo, CLUN, Coren, Daveiga e Quescrem) acoden á feira pola súa conta. 

Sial Paris 2022 é o penúltimo certame no que participa a Consellería do Mar este ano tras estar en 11 feiras e á espera de participar o vindeiro mes en Xantar Ourense. Este labor de promoción contou cun investimento de preto de 2,6 millóns de euros.

En 2023 a previsión é participar en 15 eventos: a Seafood de Boston e Aquaculture Spain de Silleda en marzo; a Seafood de Barcelona e Gourmets Madrid en abril; Tutto Food Milán e Expomar Burela en maio; Salimat Abanca en Silleda en xuño; a Seafood de Singapur, Expomar Cabo Verde e Andalucía Sabor en setembro; Anuga Colonia, Conxemar Vigo e San Sebastián GastronómiKa en outubro e Gastronoma Valencia e Xantar Ourense en novembro.

Sial Paris

A feira Sial Paris 2022, que se celebra desde o pasado sábado ata o mércores, ten carácter bienal e constitúe un gran escaparate europeo para os profesionais e empresas do sector da alimentación e das bebidas. Na última edición celebrada -a de 2018 pois en 2020 cancelouse polo coronavirus- participaron 7.200 expositores procedentes de 119 países e produciuse un récord de asistencia con máis de 310.000 visitantes profesionais orixinarios de 200 países diferentes.

Este certame inclúe distintas iniciativas pensadas para os distintos sectores, tipos de empresas e actuacións como o Sial Innovation -centrado na innovación-, Sial Start-up
-para creadores, emprendedores e novos talentos- ou Sial Talks, de conferencias sobre innovación alimentaria, nutrición, saúde integral ou desenvolvemento sostible, entre outros asuntos.

Outros artigos

Ribeira convoca ao voluntariado para limpar a praia de Coroso

Este venres 25 de abril, a concelleira de Medio Ambiente, Antía Alberte, e máis o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes, anunciaron que o vindeiro sábado 3 de maio, a partir das doce na praia de Coroso e á altura da Escola Oficial Náutico Pesqueira, procederase a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ruido de fondo, de Alfredo Conde”. Alberto Barciela

“Ruido de fondo, de Alfredo Conde”. Alberto Barciela

“No empiecen a leer si creen que estas líneas son las del comienzo de una historia. Este no es el comienzo de tal cosa. Tampoco lo es de unas memorias. Ni siquiera es una evocación. Estas líneas tratan tan solo de una brisa que pasa. Las brisas pasan. Se suceden unas...