A cineasta galega Xisela Franco abriu a competición oficial de Mares da Fin do Mundo, en Outes

30 Outubro 2022

A segunda xornada da V Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, celebrada este sábado en Outes, comezou ás 10:00 h coa celebración dunha mesa redonda organizada en colaboración con Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema), moderada por Elena Mareque (Proxecta), contou coa participación de Ángel Sánchez (co-director de Play–Doc), Xisela Franco (cineasta e curadora en festivais), Manuel Pena (director de FICBueu) e Jesús Silva (programador en MDFDM e crítico de cinema), que debateron sobre a realidade de programar festivais de cinema no rural galego.

A directora galega Xisela Franco

Durante a mañá, celebrouse tamén a actividade de Achegamento ao marisqueo a pé, na que a Agrupación de Mariscadoras a Pé da Confraría de San Bartolomé de Noia fixo unha demostración real do proceso extractivo do marisco na praia de Siavo, mostrando asemade o proceso de clasificación e pesado do produto nas instalacións da Lonxa do Freixo.

Estrea de Desafíos del Océano: Científicas al Mando

Xa pola tarde, nas instalacións da Casa da Cultura de Outes (A Serra de Outes), proxectouse a estrea en festivais de Desafíos del Océano: Científicas al Mando, unha miniserie documental do Campus de Excelencia Internacional Campus do Mar liderado pola Universidade de Vigo que nace co obxectivo de dar a coñecer a investigación que mulleres científicas desenvolven ao redor de temas de actualidade nas ciencias mariñas a nivel global e que constitúen desafíos de futuro para os océanos, o planeta e a humanidade.

A continuación, deu inicio a proxección dos primeiros filmes participantes na Competición Oficial, na que este ano concorren un total de catorce audiovisuais de dez nacionalidades diferentes e falados en nove linguas. Centrados na pesca sustentábel e na protección do medio ambiente mariño, nesta xornada proxectáronse seis obras divididas en dous bloques de tres filmes.

Presentación de Voltar do Mar

No primeiro concorreron a galega Voltar do Mar, de David Pérez, Rodrigo Martínez e Mikel Puertas (España, Galicia, 2022), unha obra que recolle a testemuña de Juan Olveira, sobrevivente do naufraxio do Sempre Güeto en augas de Cedeira en xuño do 2021. A segunda obra deste bloque foi Tatuado nos ollos levamos o pouso, da galega Diana Toucedo (España, Galicia, 2021), que documenta o traballo dun grupo de mariscadoras dunha pequena vila ao sur de Galicia e a conciencia colectiva que emerxe nelas. A terceira obra do primeiro bloque foi Le mer en héritage, de Mégane Murgia (Francia, 2021). Esta obra francesa narra a relación dun pescador da Bretaña francesa co mar.

Achegamento ao marisqueo de a pé

No segundo bloque de filmes da Competición Oficial da primeira xornada, os asistentes puideron desfrutar do filme galego Atalaia/Piueiro, de Xisela Franco (España, Galicia, 2022), unha obra que dá visibilidade ao patrimonio marítimo inmaterial de A Guarda mediante a colaboración de dúas asociacións da vila, a Asociación de Redeiras do Baixo Miño “Atalaia” e a Asociación de Embarcacións Tradicionais “O Piueiro”. O filme Intermède (XOPIKO), de Maria Kourkouta (Francia/Grecia, 2022), presenta unha sorte de poema fílmico en 16 mm que amosa o traballo nun pequeno estaleiro nalgún lugar de Grecia. Finalmente, The Boat Builders, de Sveinung Uddu Ystad & Jon Terje Hellgren Hansen/Forbundet KYSTEN (Noruega, 2022) permite ao espectador acompañar a tres aprendices de carpintaría de ribeira e aos seus mestres, amosando o oficio, a tradición e a transmisión dos coñecementos desta profesión artesanal que se remonta á época viquinga, permitindo que este patrimonio cultural siga vivo.

Manuel Pena, Jesús Silva, Elena Mareque, Xisela Franco e Ángel Sánchez

A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada polo Concello de Outes, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña e a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.