A alcaldesa de Lousame fai un chamamento urxente “a incrementar a vixilancia no municipio”

Ante a vaga de roubos que está a asolar Lousame e a súa contorna, a alcaldesa Teresa Villaverde ofreceu este venres 14 unha rolda cos medios para achegar unha serie de pautas e recomendacións e, tamén, para reclamar ás administracións e organismos competentes que incrementen a seguridade no termo municipal e garantir “que nos sintamos seguros e non esteamos con medio nas nosas vivendas”. Neste senso a rexedora solicitou unha xuntanza co delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, para trasladarlle a necesidade de facer un esforzo con vistas a fortalecer a vixilancia no concello.

Na comparecencia ante os medios de comunicación, Villaverde Pais explicou que “os medios que temos son insuficientes” e “como alcaldesa e como veciña teño a obriga de evitar que nos sintamos inseguros e esteamos con medo nas nosas propias vivendas”.

Por iso, Villaverde vén de enviar unha petición de reunión do delegado do Goberno en Galicia “para que tome conciencia do que está a suceder aquí” e coñeza “a inseguridade que están sentindo os veciños preto das súas vivendas”. A rexedora lembrou que que “levamos xa un tempo que hai pequenos e non tan pequenos roubos pero ultimamente, dende o verán e sobre todo neste último mes, todo se vai incrementando”. Tamén fse remontou ás orixes do problema: “Todo comezou con roubos repetitivos de gasóleo nos vehículos públicos e noutros vehículos que aparcaban nas proximidades do Concello, na localidade de Portobravo”. Logo, engadiu poñendo o foco nos comezos deste verán, roubaron o remolque do Concello e ese mesmo día “un chalé nas inmediacións que estaba acabado de construír e que acababan de amoblar e poñer os electrodomésticos, baleirárono totalmente”.

Villaverde engadiu que a partir de setembro os roubos trasladáronse á parroquia de Tállara onde, a mediados de mes roubaron nun estanco, onde se levaron todo o tabaco e elementos de valor que estaban á venda. “Tamén entraron en varias igrexas, forzando algunhas fiestras para ver se había cartos, e agora pasaron ás vivendas privadas”, denunciou Teresa Villaverde.

Amais, na madrugada do 11 ao 12 de outubro, uns descoñecidos entraron nunha vivenda de Tállara mentres a súa propietaria, unha persoa de avanzada idade que conta con xente que a coida durante o día, durmía na súa habitación. “Espertou e tiña o armario coas cousas ciscadas polo chan, os caixóns baleiros e ata a mesiña de noite. Roubáronlle cartos e pertenzas de valor”, relatou a alcaldesa, engadindo que ese mesmo día, entraron noutra vivenda da mesma parroquia aproveitando que o matrimonio saíra desfrutar do festivo. “Ademais, houbo intentos de forzar pechaduras en varias vivendas pero non conseguiron entrar”, explicou Villaverde Pais, quen destacou que “créase unha sensación de inseguridade e de estar desamparados”.

A rexedora dixo que a Garda Civil “xa está facendo as investigacións pertinentes, pois hai cousas especialmente rechamantes como o feito de que a veciña de Tállara tiña unha alarma moi completa pero estaba desactivada de dous días atrás”. E concluíu: “Despois de oír no Día da Hispanidade discursos de que tiñamos moitos máis efectivos, eu quero ver esa xente neste concello porque o necesitamos”.