
O alcalde, Esteban Ares, acompañado por María Belsol, coordinadora da Cruz Vermella Noia, e da escritora Lorena Louro, presentaron a programación cultural do Concello de Lousame para este mes de outubro. Un programa que arrincará o próximo venres 9 de outubro e que inclúe ata sete actividades de participación libre e de balde, coa excepción da festa solidaria do Magosto Meigo, na que será preciso anotarse a través de Bandoticket e achegar produtos de limpeza en favor da Cruz Vermella de Noia para poder acceder.
“O obxectivo do Concello é seguir sendo un referente cultural en toda a nosa contorna. Temos un outono por diante con moitos actos e actividades de diversa materia . E este mes de outubro chega moi completo, con actividades de todo tipo e que agardamos que sexan de agrado de toda a veciñanza”, apuntou Esteban Ares, quen agradeceu o traballo do Departamento de Cultura na elaboración desta programación.
Todas as actividades, salvo o Magosto Meigo, terán lugar na Casa da Cultura de Lousame e contarán coa colaboración da Deputación da Coruña. O programa abrirase o venres 9 de outubro, ás 18:00 horas, co Colectivo Xurelo porá en escena Mario pensaba que o galego non servía para nada, un espectáculo que fusiona narración, ilustración e música. O domingo 18, tempo para un espectáculo de monicreques musical da man de RedRum e Os contos do lobicán.
O venres 23 de outubro, dobre cita: ás 10:30 horas unha nova edición das charlas sobre saúde de MVP Atelier, nesta ocasión coa temática Cinco erros que te están a inflamar; e ás 20:30 horas, a presentación e firma do libro Una nueva vida, con Lorena Louro. Esta escritora de Noia “enfrontouse a unha realidade marcada pola discapacidade, por constantes portas que se pechaban no ámbito laboral. E ela, en vez de renderse, atopou a forza necesaria par abrir portas diferentes e cumprir os seus soños doutra maneira. Dese esforzo nace este libro cargado de superación, sensibilidade e de esperanza”, explica o alcalde lousamiá.
Pola súa banda, Lorena Louro adiantou que o libro que presentará en Lousame foi feito “nuns momentos difíciles nos que toquei fondo, nos que necesitaba saír da miña vida e da miña realidade. Non é unha autobiografía, non conta nada da miña vida aínda que o poida parecer polo título. Todo o contrario: eu precisaba saír da miña realidade e escribir axudoume a saír adiante pensando en crear unha nova vida, uns novos personaxes e crearlles unha ficción”. Neste sentido apuntou que “o laboral pechoume moitas portas porque son seis discapacidades. Pero quería facer algo para min mesma. Sentir que valgo para min. E isto faime sentir útil, importante e para min é un soño cumprido”.
O domingo 25, ás 18:00 horas, novo espectáculo teatral: Supercoroza: do inverno ao verán co galego na man, un espectáculo de música e teatro de A Xanela do Maxín; e o venres 30 de outubro proxectarase o documental Regueifa, ás 19:00 horas.
Magosto Meigo

E o sábado 31 de outubro, volve o magosto, pero non un magosto calquera senón un Magosto Meigo, con toques de Samaín, para que todas as familias poidan desfrutar desta festa. “No Departamento de Cultura estiveron argallando como fusionar estas dúas tradicións e penso que vai ser unha bonita xornada para que os veciños se encontren, que as familias veñan desfrutar”, explica Esteban Ares.
O magosto Meigo terá lugar no Polideportivo Municipal de Lousame, en horario de 17:00 a 20:00 horas. Será a única actividade do mes na que sexa preciso anotarse previamente en www.bandoticket.com e na que para acceder haberá que achegar unha contribución solidaria en forma de produtos de hixiene e limpeza, en favor da Cruz Vermella de Noia. A súa representante, María Belsol, aproveitou para “amosar o recoñecemento á veciñanza de Lousame porque o ano pasado puidemos recoller un gran número de produtos e esperamos que este ano contar cunha maior participación e doazón”.



