O Concello de Ribeira presentou este luns 19 no Consistorio os detalles da XXIII Carreira Popular de Santa Uxía, que se celebra este sábado con saída da explanada do porto. Segundo fixeron saber María Sampedro e Javier Sampedro, tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, a falta de dous días para que pechen as inscricións xa son 355 os participantes inscritos entre todas as categorías. Na cita cos medios tamén participou Moncho Sampedro, en representación da Asociación de Veciños de Carreira. A cita deportiva forma parte do VIII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña e do V Circuíto de Carreiras Barbanza Arousa.
O certame celebrarase este sábado 24 a partir das cinco da tarde. Contará con distancias de 100 (sub 6), 400 (sub 8), 750 (sub 10), 1.000 (sub 12) e 2.500 metros (sub 14 e sub 16) para categorías base mentres que a modalidade sapatilla inclusiva destinada a persoas con diversidade funcional deberán completar un percorrido de 5.000 metros. A proba absoluta terá unha distancia de 10.000 metros abranguendo as modalidades sub 18, sub 20, sub 23, sénior e master 1, 2, 3 e 4.
A saída das probas estará no localizada na explanada do porto de Ribeira (Malecón). A proba absoluta comprenderá dúas voltas a un percorrido pola fachada marítima da cidade en dirección ás Carolinas e Coroso, dando a volta no entorno dos institutos.
Os participantes poden realizar as súas inscricións na web www.ribeira.gal ou en www.emesports.es. A data limite son ás 23.59 horas do mércores 21. O prezo son 6 euros para a proba absoluta, mentres que as categorías base son gratuítas. Segundo se informou que nestes momentos hai 160 persoas inscritas para a proba absoluta, 190 para categorías base e 5 en sapatilla inclusiva, se ben “agardamos que estas cifras aumenten no treito final”, sinalaron na presentación.
Premios
Outorgaranse trofeos e premios en metálico de 300, 150 e 90 euros para os tres primeiros da categoría popular, ademais de medallas conmemorativas aos tres primeiros de cada categoría e aos tres primeiros clasificados locais. No caso dos sub 6 e sub 8 haberá medallas para todos os participantes.
A organización da proba quixo destacar e agradecer a colaboración de Barbanza Arousa Deputación, Federación Galega de Atletismo, Asociación de Veciños de Carreira, Policía Local, Policía Nacional, das tendas Revolutrion, Black Estévez e Sportbike, e de Abraham Benítez, deseñador dos trofeos.
Ademais, solicitouse comprensión á veciñanza polas restricións de tráfico necesarias, de tal xeito que o paseo das Carolinas e a avenida do Malecón estarán cortadas á circulación de 17 a 20 horas.