Teresa Villaverde reúnese cos integrantes do Club de Fútbol Lousame, que nace cun equipo en Terceira Sénior e outro en veteranos

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitou ao novo equipo que se vén de crear no municipio: o Club de Fútbol Lousame, que adestrará e disputará os seus partidos no campo de fútbol da Silva. Unha visita na que a alcaldesa aproveitou para comprobar o estado das instalacións de cara ao estreo do equipo na casa mañá sábado 24 de setembro, ás 17:00 horas, contra o Xuño SD.
Teresa Villaverde reuniuse co presidente do Club de Fútbol Lousame, José Ángel Luna, quen estivo acompañado polo adestrador do equipo, Pablo Otero, e o capitán, Boris Ramón Rodríguez Pazos, á fronte de todo o conxunto. A alcaldesa ofreceu toda a colaboración do Concello de Lousame con este ambicioso proxecto, anunciándolles que nos próximos meses habilitaranse os correspondentes vestiarios, xa que agora están empregando os renovados vestiarios do polideportivo municipal, anexo ao campo de fútbol.
O Club de Fútbol Lousame únese ao Lesende, cun equipo sénior en Segunda Galicia, e ao Losusame de Veteranos como os equipos de fútbol do municipio.
Proxecto de futuro
José Ángel Luna asegura que “este proxecto novo, que sae como Club de Fútbol Lousame, vén a cubrir un oco que hai no fútbol de Lousame, sobre todo no dos pequenos que a pandemia levou por diante. A raíz de aí naceu este proxecto con intención de desenvolverse no futuro para ter un club de fútbol en Lousame. Este ano imos saír con veteranos e un equipo en Terceira Sénior e o ano que vén a intención é empezar cos equipos de Fútbol 8 e tentar tamén sacar equipos de Fútbol 11. É un proxecto a largo prazo e queremos ir facendo as cousas ben, pero pouco a pouco”.
O presidente do club explica que “a intención a futuro é que sexa un club de canteira e que a base do equipo sexa de xente de Lousame. De feito xa contactamos con varios xogadores que están en diferentes equipos para que o ano que ven se poidan incorporar ao primeiro equipo do Club de Fútbol Lousame”. Por iso, anuncia que “o ano que vén empezaremos con Fútbol 8: prebenxamín, benxamín e alevín e, se podemos, sacar algún de Fútbol 11. Pero é un proxecto de ir afianzando os pasos e de cara ao futuro. Non queremos apurar agora os pasos e sacar todos os equipos e non ter os recursos ou a xente para facelo correctamente”.

Neste sentido, José Ángel Luna explica que “mirámonos no espello doutros concellos que teñen club sénior en Primeira ou Preferente e todos teñen dez ou doce equipos en categorías inferiores. Se noutros concellos cunha poboación semellante a Lousame se pode facer unha estrutura de club así, en Lousame tamén se debe poder facer. Suporá moito traballo pero estamos aquí para iso”.
Adestrador e capitán
Pola súa banda, Pablo Otero, entrenador do Club de Fútbol Lousame, comparte que “a ambición que temos todos é facer un proxecto moi ambicioso. Empezamos de cero e pouco a pouco, sumando todos, pensamos que podemos levar o nome do Concello de Lousame o máis alto posible”.
Sobre o equipo explica que “estamos con xogadores da comarca, todos a unha tentando traballar pouco a pouco e buscando cousas atractivas para que o equipo ascenda o antes posible. Levamos un partido, penso que vai ser unha Liga moi complicada, con equipos moi similares e ata a primeira volta non me gusta sacar conclusións porque non coñezo o resto dos equipos”.
Finalmente, Boris Ramón Rodríguez Pazos, capitán do Club de Fútbol Lousame, apunta que “somos un equipo totalmente novo. Temos xente de Santiago, Boiro, da Serre de Outes, de Noia, de Lousame… foi un equipo con xente competitiva e que coñecía. Creo que coa axuda do adestrador e da xunta directiva se pode facer algo moi bonito”. De cara a esta temporada, sinala que “a é competir, dar a cara en todos os partidos e ter sobre todo un equipo, unha familia e ser respectados”. Por iso, o capitán non se marca como obxectivo o ascenso: “primeiro hai que gañar o primeiro partido e despois virán os pensamentos de ascender. Hai equipo, con xogadores de segunda e primeira, pero tamén xogadores que levaban tempo
parados e hai que ter paciencia. Pódense sacar conclusións en decembro”.