O grupo Suma Ribeira emitiu un comunicado no que anuncia a súa intención de reclamar en pleno a elaboración dun programa estratéxico municipal de fomento do alugueiro residencial, aberto ás
achegas dos diferentes grupos e axentes sociais implicados, que inclúa, entre os seus
principais obxectivos os seguintes puntos:
-A procura dunha solución habitacional digna e a un custe accesíbel, que non poderá superar os topes máximos que estableza o concello, dirixida prioritariamente a sectores de poboación con especiais dificultades para exercer o seu dereito á vivenda, entre os que se terán en conta os seguintes colectivos: persoas ou unidades de convivencia en situación de exclusión social, persoas menores de 35 anos (sector de interese engadido para posibilitar a súa emancipación e residencia dentro do concello), mulleres vítimas de violencia de xénero e persoas maiores e familias con diversidade funcional.
-Os orzamentos municipais contarán cunha partida económica adicada ás axudas municipais incentivadoras para que a propiedade poña vivendas a disposición do programa municipal de alugueiro. O seu importe anual será determinado específica e inescusablemente na aprobación dos Orzamentos Xerais Anuais.
-Estableceranse axudas para a renovación de vivendas cando a propiedade teña problemas obxectivos para facer fronte aos gastos das obras necesarias para que a vivenda poida cumprir cuns mínimos de habitabilidade. Con esta finalidade haberá unha liña de créditos reintegrables sen intereses, para potenciar a posta a disposición dunha bolsa de vivendas con intermediación municipal, tanto para a obtención do Certificado de Eficiencia Enerxética como para a elaboración, no seu caso, do proxecto técnico necesario.
-Para facilitar a consecución dos fins propostos, o programa conterá outras medidas de promoción á integración de vivendas no mesmo, entre as que se someterán a estudio as subvencións municipais para a contratación pola persoa arrendadora dun seguro multifogar, de non pagamento e/ou de defensa xurídica, que contribúa a unha mellor seguridade das partes nos alugueiros integrados neste plan municipal. Isto levará a que arrendadores, arrendatarios e a veciñanza en xeral os asocien a verdadeiros alugueiros residenciais con garantías especiais de vivendas dignas a un prezo razoábel e accesíbel.
Suma Ribeira fai saber que esta iniciativa ficou pendente da orde do día do último pleno ordinario celebrado antes do período vacacional. Na orde da sesión do próximo luns, Suma Ribeira tamén inclúe
outra moción que ten por obxecto a regulación da utilización do uso dos espazos públicos, abordando especificamente a ordenación das terrazas de hostalería. Con este fin, Suma reclama que se reúna á maior brevidade a Mesa de Mobilidade, na que proporá que a regulamentación dos espazos priorice á xente que camiña a pé e se favoreza a equidade para que os espazos públicos tamén sexan lugares propicios para o encontro, desfrute e convivencia entre veciños e veciñas que non queiran consumir nun establecemento.