O alcalde Manuel Ruiz Rivas firmou na tarde de onte o protocolo de colaboración entre o Concello e o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que permitirá impulsar e desenvolver a Axenda Urbana de Ribeira .
O acto tivo lugar na sede do ministerio e contou coa participación de Raquel Sánchez, Ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, e de David Lucas, Secretario Xeral de Axenda Urbana e
Vivenda. Este acto refrenda a intensa colaboración desenvolvida ao longo do ano 2022 por ambas as institucións, que cristalizou na elaboración dun Plan de Acción Local que servirá como folla de ruta
ata 2030 para mellorar a calidade de vida, o desenvolvemento económico e o medio ambiente da localidade.
No ano participaron de 81 municipios e deputacións de toda a xeografía estatal. A ministra Raquel Sánchez agradeceu a colaboración dos presentes á hora de levar á práctica os principios internacionais do desenvolvemento sostible no ámbito local e eloxiou o compromiso de alcaldes e alcaldesas por mellorar as oportunidades e o futuro dos seus pobos e cidades. Para a ministra, a Axenda Urbana Española é unha guía de actuación que traslada ao local retos globais como a mitigación do cambio climático, a eficiencia enerxética, ou a loita contra as desigualdades sociais e económicas; á vez que é o mellor instrumento para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible 2030.
O Concello de Ribeira comezou a traballar dende principios de ano no proceso de elaboración da súa Axenda Urbana: unha folla de ruta que definirá os proxectos que serán motor de transformación da
cidade e do municipio ao longo desta década baixo criterios de desenvolvemento sostible e de mellora da calidade de vida dos cidadáns.
Neste senso, a Axenda Urbana é un instrumento estratéxico que mira ao noso territorio dunha maneira integrada e non sectorial, incluíndo puntos de vista ambientais, sociais, de gobernanza, etc., e que se
aliña cos obxectivos establecidos na Axenda 2030 das Nacións Unidas.
Xunto con Lalín, o de Ribeira é o único municipio galego do noso rango de poboación que vai contar con este instrumento de planificación contemplado como proxecto piloto recoñecido polo Goberno de España.
Perséguense unha serie de obxectivos estratéxicos tales como modelo de cidade, ordenación do territorio, sustentabilidade, mobilidade, desenvolvemento económico, economía circular ou cohesión social.