Rianxo mostra este sábado os segredos dos seus hórreos singulares

02 Setembro 2022

Unhas 50 persoas terán a oportunidade de coñecer en detalle este sábado 3 de setembro a historia e as principais características de catro graneiras (hórreos) singulares do concello de Rianxo, farano da man da Concellaría de Turismo. Contarase coa participación do arquitecto da Area de Rehabilitación Integral (ARI) Carlos Henrique Fernández Coto para guiar ás persoas participantes polos elementos máis técnicos destas construcións tradicionais.

A data e o lugar de encontro serán este sábado, 3 de setembro, ás 11:00 horas, na praza de Castelao. A visita terá unha duración aproximada de 3 horas. As inscricións están abertas até o venres 2 de setembro ás 13:00 e poden facerse en persoa (nos puntos de información turística de Rianxo), por teléfono (604 023 753, de luns a domingo de 10:00 a 14:00) e por correo electrónico (turismo@concelloderianxo.gal). Haberá un mínimo de 15 persoas para a realización da actividade.

Carlos Henrique Fernández Coto, presidente de APATRIGAL, será o encargado de relatar as características e singularidades das graneiras do concello. O arquitecto ten unha ampla experiencia no sector público e privado e é un gran apaixonado dos hórreos. Entre os seus obxectivos á fronte da asociación, está a de declaración de Patrimonio da Humanidade para estas construcións galegas.

Campo das graneiras de Meiquiz

Situado na parroquia de Leiro, esta eira situada na aldea de Meiquiz acolle un dos grupos máis numerosos de hórreos de Galicia. Destaca a variada tipoloxía e materiais empregados na súa construción.

Hórreo da Reitoral de Isorna

Nos terreos da Casa Reitoral de Isorna sitúase un fermoso hórreo de máis de 24 metros de lonxitude construído no 1805. Conta con 14 cepas como pés, tornarratos corrido e doelas de pedra. Ao seu carón pódese observar unha superficie elevada de pedra que se usaba para a malla ou para que o vento limpase o lixo do cereal. O conxunto complétase coa igrexa parroquial. As vistas permítennos ollar o Castro das Cercas, no monte que domina a desembocadura do río Ulla dende a súa marxe Norte.

Hórreo do Araño

O hórreo da reitoral do Araño ten a honra de ser o máis longo (37,05 m) e tamén o de máis capacidade do mundo. A súa inmensa cámara levántase sobre un celeiro de considerábel altura, e con espazo de almacenamento no seu interior. Construíuse a finais do século XVIII sendo crego Rafael López Lago. A parroquia do Araño é a máis extensa do municipio, e o hórreo é testemuña da importancia que tivo o rural en Galicia, así como do poder que tiña a Igrexa sobre a poboación. Neste lugar, ademais do hórreo, atópase unha fermosa casa reitoral, a igrexa parroquial, a capela da Virxe dos Milagres e un pombal na ladeira do monte.

Hórreo do Pazo de Viturro

O hórreo do Pazo de Rianxiño mide 24,90 m de longo, sendo o de maior tamaño construído totalmente en pedra. A historia desta graneira dinos que os canteiros que o fixeron realizárono os domingos para evitar ter que ir á guerra a África. A pedra que empregaron foi extraída da Devesa do Caseiro, a 1 Km de distancia, do mesmo xeito que a empregaron para unha lareira, para a bóveda dunha bodega que sería reconvertida en capela, e para o muro da parcela.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Fiscal y la corrupción”. José Castro López

“El Fiscal y la corrupción”. José Castro López

José Castro LópezLa semana pasada “enriquecí” mi carpeta de noticias raras y curiosas incorporando unanueva que, si me la cuentan y no la veo publicada en medios serios, no la hubieracreído: “El Fiscal General del Estado y el ministro presidente de la Comisión Federal...