Rianxo acolle esta fin de semana a preestreade ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego con perspectiva de xénero de ButacaZero 

Rianxo acolle esta fin de semana a preestrea da nova creación da compañía ButacaZero, dirixida por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira: Papagena. O Auditorio Municipal da localidade do Barbanza presentará o venres 2 e o sábado 3 de setembro, ás 21.00h, dous ensaios da obra abertos ao público, unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego e con perspectiva de xénero, con entrada libre ata completar a capacidade do recinto, coa intención de achegar o proceso á veciñanza. 

Papagena, que xirará por 14 localidades de Galicia ata finais do mes de novembro, narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica á que dan vida a soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo. 

Papagena é unha ópera electrónica do compositor galego Iago Hermo, nado en Rianxo, inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato, o vestiario ou a escenografía, que non contará con elementos analóxicos e se baseará no espectralismo minimalista.

O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa a espazos non convencionais para a súa representación e favorecer o achegamento, tanto do público adolescente coma adulto, á ópera a través dunha experiencia única e inmersiva.

DATAS DA XIRA DE PAPAGENA

Papagena, que conta co apoio do Concello de Rianxo, poderase ver, a modo de preestrea, os días 2 e 3 de setembro na sala Arcos Moldes do Auditorio Municipal da localidade do Barbanza (21.00 horas),na que a compañía estivo a ensaiar este mes de agosto. A entrada será libre ata completar a capacidade do recinto. Unha semana despois, o sábado 10 de setembro (21.30 horas), terá lugar a estrea absoluta nas ruínas do convento de Santo Domingo, en Pontevedra. O público poderá asistir gratuitamente á función previa reserva, sistema que se dará a coñecer desde a Deputación de Pontevedra proximamente.

A ópera chegará a outra ducia de localidades nos vindeiros meses, cunha función por cada fin de semana. A primeira parada da xira será no porto de Fisterra (17 de setembro), para continuar en O Grove (24 de setembro), Celanova (1 de outubro), Caldas de Reis (9 de outubro), Narón (15 de outubro), Tui (21 de outubro), Oleiros (29 de outubro), Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena estará dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.