A Ruada do Traxe Galego Aires de Dorna que organiza a Asociación de Amas de Casa regresará por segunda vez este sábado 10 de setembro no transcurso das Festas Patronais de Santa Uxía. O obxectivo será “preservar e poñer en valor as nosas tradicións”. O evento foi presentado na Casa do Concello pola concelleira de Cultura, María Sampedro e a presidenta de Amas de Casa, Puri Cores, acompañadas de Juana Ermitas Crujeiras e Mari Pardavila, integrantes desta última entidade que se responsabilizaron de artellar o desenvolvemento da actividade
A ruada arrincará a partir das seis e media da tarde con saída dende o Auditorio Municipal, en tanto que unha hora despois haberá un desfile con pasarela na praza do Concello para concluír cunha actuación das cantareiras de Amas de Casa. O xornalista Xosé Luis Blanco Campaña, que xa presentara a primeira edición, será o responsábel de conducir o acto. Ademais, a xeito de complemento contarase con diversos postos de artesanía.
Sampedro e Cores fixeron saber que está prevista a participación de distintas asociacións da comarca e “incluso de máis aló do Barbanza”, pois a intención de Amas de Casa é ir cada ano a máis. A edil María Sampedro resaltou a este respecto que “despois do balance tan positivo que tivo o ano pasado a ruada está chamada a consolidarse dentro do calendario das Festas Patronais de Santa Uxía como unha iniciativa que pon en valor a esencia de Galicia e dos galegos e galegas”.
Dende a organización quíxose aproveitar este presentación para animar á xente a implicarse no evento vestíndose con traxes tradicionais, dos cales a Asociación Amas de Casa dispón dalgúns para prestar. En caso de choiva, estudarase unha alternativa para levalo a cabo, segundo informou Puri Cores.