O Auditorio Municipal de Ribeira vai acoller en setembro a representación dunha das grandes estreas teatrais galegas da tempada, non só por vir de quen vén (a prestixiosa compañía Producións Teatrais Excéntricas) senón por ter revisitado un dos grandes clásicos da nosa literatura: O porco de pé de Vicente Risco, a novela coa que, en palabras de Excéntricas, “Galicia entrou na modernidade literaria hai case cen anos”. Será o día 23 de setembro no Auditorio ribeirense, a partir das 21.30 horas. Esta versión do dramaturgo e actor local Quico Cadaval (Carreira, Ribeira, 1960) e máis de Pepe Sendón (Lira, Carnota, 1964) conta coa aprobación da Fundación Vicente Risco e foi seleccionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para formar parte do programa TeCe Redes con dúas funcións para público xeral en Ribeira (23 de setembro) e Barbadás (02 de outubro) e unha función matinal para centros de ensino en Bertamiráns (30 de setembro). Ese mesmo día, en Bertamiráns haberá outra función para público adulto pola noite.

Dende a súa estrea o 31 de marzo no Teatro Principal de Ourense, don Celidonio, dona Nicasia, o doutor Alveiros e demais personaxes que habitan na novela de Vicente Risco, fixeron un total de 19 funcións visitando, ademais de Ourense, Lalín, O Rosal, Compostela, Lugo, O Barco de Valdeorras, Ferrol, Rianxo, A Illa de Arousa, Allariz, Ortigueira, Vilalba, Melide, Cangas, Vilamarín e Cee.
A xira continúa coas seguintes datas confirmadas:
23 de setembro no Auditorio Municipal de Ribeira
30 de setembro na Casa da Cultura de Bertamiráns
01 de outubro nos Circuítos Teatrais de Moaña Celso Parada.
02 de outubro na Casa da Cultura Manuel María de Barbadás
22 de outubro no Auditorio de Verín
24 de outubro en Verín (función para centros de ensino de 4º ESO a 2º Bacharelato)
27 de outubro no Teatro Principal de Pontevedra
28 de outubro no Auditorio de Malpica de Bergantiños
29 de outubro no Auditorio Municipal de Cariño
12 de novembro no Pazo da Cultura de Narón
13 de novembro na Casa da Cultura de Cambados
19 de novembro na Casa da Cultura de Brión
25 de novembro no Local Xente Nova de Carril
26 de novembro no Auditorio Municipal de O Grove

O espectáculo non deixa de lado, senón que máis a potencia, a capacidade que tivo Vicente Risco de detectar, ha xa cen anos, unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapeus a confundirse cos propios burgueses do seu tempo. “Trátase dunha divertidísima sátira a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabaré, que ten hoxe mais vixencia que nunca e que propón unha fascinante viaxe á década do 20 do século XX”, explican dende a compañía onde milita Quico Cadaval, e máis tamén, os tres “fenómenos” que constitúen o elenco: Patricia Vázquez, Victor Mosqueira e Evaristo Calvo.