A Asociación de Empresarios de Ribeira fixo un balance moi positivo da primeira edición de Gastromar, a feira de degustación, exaltación e reivindicación de produtos pesqueiros e marisqueiros locais, celebrada a pasada fin de semana na praza de España con gran afluencia de público ao longo das súas tres xornadas de actividade (10, 11 e 12 de setembro). A patronal agradeceu no seu balance a boa acollida do evento entre residentes e visitantes e manifestou a súa vontade de conseguir que teña continuidade

Gastromar Ribeira veu da man da Asociación de Empresarios de Ribeira, as Confrarías de Ribeira e Aguiño, a Lonxa e o Concello de Ribeira e a Organización de Produtos de Mexillón de Galicia (OPMEGA). A todas estas entidades a patronal que dirixe Francisco Martínez Gude agradeceu “a súa gran implicación, o seu compromiso e o seu traballo para levar a bo porto este evento”. Os empresarios tamén celebraron a boa organización e montaxe das instalacións por parte da empresa Chicolino, que “unha vez máis deixou mostras do seu saber facer”.

A patronal salientou a maiores a contribución financeira da Consellería de Pesca e do Concello, “sen cuxo apoio sería imposible levar a cabo un acontecemento desta magnitude”. A maiores, recoñeceron e agradeceron o “inmenso traballo desenvolvido polos voluntarios da Asociación de Veciños de Carreira, que achegaron de forma desinteresada a súa colaboración e o seu sorriso”. Igualmente agradeceuse a importante colaboración do establecemento ribeirense A Caseira, que participou levando a responsabilidade de atender aos comensais cos bos viños que se puideron degustar.