O Rotogal Boiro Voleibol inicia o curso na Cachada contra o Unicaja Almería, vixente campión da Superliga

M. A.- A Superliga 2022-2023 arrinca para o Rotogal Boiro Voleibol nun punto similar ao epílogo da pasada campaña, polo menos no que ao rival refírese. O Unicaja Almería, vixente campión e verdugo dos galegos no último play off polo título, será o primeiro visitante da Cachada. O choque, que comeza este sábado 1 ás 19.00 horas, servirá para poñer a proba os avances realizados polos de Emilio Palacio durante a pretemporada. O persoal rexistrou cambios e nela medrou a presenza de xogadores forxados na base do club boirense.

Emilio Palacio, que retorna ao cargo de adestrador tras un ano de descanso, non poderá contar para
a posta de longo do Rotogal Boiro Voleibol co receptor Kleist Mendonça, o central Wu Cheng-Tang nin o oposto Elgueta. O tres xogadores estranxeiros atópanse pendentes dos últimos trámites burocráticos para incorporarse á disciplina dos da Cachada. Ademais, Martín Casais, que se lesionou o mércores no xeonllo, é dúbida para o choque de mañá.

O Unicaja Almería, pola súa banda, comparecerá na cancha do Rotogal Boiro Voleibol coa bitola
de defensor do título logrado a pasada campaña, na que eliminaron aos boirenses tanto na
Copa do Rei como na liga. Trátase dun conxunto que presenta novidades no seu persoal. Perderon ao oposto Kukartsev, un dos opostos máis determinantes da competición nas últimas tempadas, e manteñen a dúbida de Juanmi González Limón, que se recupera dunha lesión no nocello. Pero, para paliar as baixas, incorporaron ao experimentado central Moisés Cezar, ao oposto portugués Marco Ferreira ou ao colocador croata Bernard Bakonji. Os andaluces proporán un test de máxima esixencia ao conxunto de Emilio Palacio.