O Concello de Boiro, a través da área de Igualdade, preparou un programa de actividades para os vindeiros meses centrado en sensibilizar e concienciar sobre a equiparación de dereitos e oportunidades e en derrubar barreiras de exclusión e discriminación. A concelleira de Igualdade, Dores Torrado, realizou a presentación das propostas previstas xunto coa técnica de Igualdade do Concello, Sabela Losada, e a responsábel de Pilates Boiro, Verónica Couselo.
Un dos programas que se vai levar a cabo é Miscelánea en movemento, que engloba accións como piragua dragón, andainas, bolos tradicionais, pilates e iniciación ao running.
“Con estas actividades buscamos a coordinación e a implicación de distintas entidades do municipio que traballan en iniciativas para loitar a prol da igualdade durante todo o ano”, afirmou a concelleira Dores Torrado.
Todas as actividades serán de balde agás a de pilates, que se celebrará o 22 de outubro no Pavillón de Barraña e terá un custe simbólico de cinco euros para recadar beneficios en favor da Asociación Española Contra o Cancro. “Outubro é o mes da loita conta o cancro de mama e, con estas actividades queremos recadar fondos para destinar á investigación desta enfermidade”, afirmou a responsábel de Pilates Boiro.
Todas as actividades do programa vanse desenvolver ao mesmo tempo cós obradoiros para nenos e nenas nos que se van traballar de forma lúdica a través de actividades creativas contidos relacionados coa igualdade, a sostibilidade e a prevención da violencia de xénero. “O obxectivo desta iniciativa é que as persoas con responsabilidades familiares e que moitas veces non poden acudir a actividades por motivos de conciliación teñan un recurso e poidan participar”, afirmou a técnica de Igualdade.
Ademais deste programa de actividades o Concello de Boiro está a traballar na elaboración do que será o cuarto Plan de Igualdade municipal para os anos 2023 a 2028, polo que se vén de habilitar unha caixa de suxestións online para que aquelas persoas interesadas poidan trasladar as súas suxestións e valoracións.
Máis información e inscricións no CIM de Boiro, de maneira presencial na Casa do Concello de Boiro, no teléfono 981 84 99 60 ou no enderezo electrónico cim@boiro.org.
