O Concello de Boiro achega aulas de educación á poboación adulta durante o curso 2022-2023


O Concello de Boiro (Concellería de Educación) abriu o prazo de inscrición para as aulas de Educación Secundaria postas a disposición das persoas adultas durante o curso 2022-2023. O prazo de presentación de solicitudes está aberto dende este xoves 8 de setembro e ata o 28 de setembro no Rexistro Xeral do Concello de Boiro.

Dende o Goberno local explican que “estas ensinanzas están destinadas a persoas maiores de 18 anos que non posúan o título da ESO”. Ofrecen a posibilidade de adquirir, actualizar ou complementar os coñecementos e aptitudes do alumnado para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Entre os obxectivos específicos están os de adquirir e actualizar a formación básica, mellorar a cualificación profesional, adquirir novos conceptos, técnicas e habilidades para unha adaptación ao mundo laboral actual.

Os cursos son cuadrimestrais e as aulas vanse desenvolver de luns a xoves en horario de 20.00 a 22.00 horas na Casa da Cultura de Boiro coa finalidade de que sexan compatíbeis coa vida laboral. Ofértanse un total de 50 prazas divididas no catro módulos: 1º, 2º, 3º e 4º; podéndose realizar dous módulos en cada curso escolar. Cada un dos módulos consta de diversos ámbitos: científico-tecnolóxico (matemáticas, bioloxía, física); ámbito lingüístico (galego, castelán, inglés ou francés) e o ámbito social.

As persoas interesadas en participar poden facelo presentando unha solicitude no Rexistro Xeral do Concello, acompañada dunha copia do DNI e o certificado dos estudos realizados. A listaxe de persoas admitidas será pública o 3 de outubro e a matricula formalizarase logo da presentación do curso, presentando a documentación facilitada e tras pagar unha taxa de 40 euros.