O BNG de Ribeira emitiu un comunicado no que achega o seu punto de vista-balance sobre o acontecido no pleno extraordinario celebrado este mércores 14, no que se aprobou, entre outros asuntos, incrementar o gasto do novo Auditorio de Ribeira en 400.000 euros e estender o prazo para executar a obra, cuestión que suscitou as críticas do BNG por “supoñer a cuarta subida do proxecto”.
Segundo informou o portavoz do BNG, Luís Pérez Barral, “o primeiro orzamento era de 2,5 millóns de euros incluíndo o equipamento, mais durante a redacción do proxecto construtivo detectáronse unhas carencias e pasou a 3,6 millóns, finalmente sácase a licitación por 4,2 millóns de euros sen o equipamento e sen a iluminación necesarias para o seu funcionamento”.
No BNG cren que o Goberno local” trata de eximir a súa responsabilidade dicindo que o incremento está motivado por culpa duns cascallos, malia ter pagado por un estudo xeotécnico e por mor dunha liña de media tensión imposibilitou operar correctamente coa grúa malia verse a simple vista”. No seu punto de vista, “é evidente que hai unha mala xestión”.
Segundo Pérez Barral, “estes argumentos son desculpas de mal pagador xa que os problemas non só se dan co novo Auditorio, senón que se repiten desde hai anos en practicamente todas as obras que se proxectan desde o Concello de Ribeira, como no Mercado Municipal, a Depuradora, o Matadoiro, a Casa da Xuventude, o Centro Social de Carreira ou o Pavillón de Palmeira”. Todas elas, sostén o concelleiro, tiveron que sufrir, no medio da obra, modificacións con respecto ao proxecto inicial, incumpriron os prazos de finalización e todas dispararon o custo previstos inicialmente.
Pérez Barral engadiu o seguinte: “PP e PSOE aproban seguir malgastanto cartos públicos en cemento e obras megalómanas mentres descoidan cuestións tan básicas como o mantemento de parques e espazos públicos ou se lle cobra un tarifazo excesivo ás familias co recibo do saneamento. No BNG cremos que Ribeira pode ter infraestrutura cultural acorde ás actividades que se desenvolven na vila pero cremos excesivo que vaia custar cinco millóns de euros ou máis cando existen servizos básicas sen atender”.